• No se han encontrado resultados

que entendemos por prosa galega medieval dous períodos prosa galego-portuguesa prosa galega prosa específicamente galega

N/A
N/A
Protected

Academic year: 2021

Share "que entendemos por prosa galega medieval dous períodos prosa galego-portuguesa prosa galega prosa específicamente galega"

Copied!
5
0
0

Texto completo

(1)

A PROSA MEDIEVAL

A prosa medieval galega non acada a relevancia nin a orixinalidade da lírica trobadoresca escrita no noso idioma. Tampouco chega a constituírse en Galiza unha prosa da importancia da doutros territorios peninsulares como Portugal ou Castela, onde os monarcas elevaron os seus romances á categoría de linguas oficiais das súas cortes. Precisamente, a ausencia dunha corte rexia en Galiza –e a paulatina dependencia do reino de Castela- explicaría en boa medida o escaso desenvolvemento das manifestación en prosa no noso territorio.

Non obstante, antes de continuar coa análise das manifestacións en prosa cómpre aclarar que entendemos por prosa galega medieval. Para iso temos que diferenciar dous períodos. En primeiro lugar, podemos falar dunha prosa galego-portuguesa, que abranguería desde as primeiras manifestación que teñen lugar a comezos do s. XIII ata finais do século XIV, aproximadamente ata 1385 cando se produce a batalla de Aljubarrota na que Portugal consolida a súa independencia fronte a Castela. Este período coincide basicamente co desenvolvemento da lírica trobadoresca, cuxa decadencia se inicia coa morte de don Dinís en 1325 e definitivamente coa do seu fillo o Conde de Barcelos, en 1354. Igual que na lírica, nesta etapa podemos falar de unidade entre a prosa escrita en Galiza e en Portugal, pois son a expresión dunha mesma manifestación cultural que ten a lingua como nexo de unión, a pesar das diferenzas dialectais e ortográficas que presentan os textos galegos e os portugueses. Neste período inclúense os libros de liñaxes, as novelas que compoñen o ciclo artúrico (Livro de José de Arimatea, Merlín e Demanda do santo Graal) xunto co Livro de Tristán, e outras obras de menor significado literario.

Por outro lado, a partir do momento en que Portugal se consolida como reino independente (batalla de Aljubarrota) e desenvolve un proxecto nacional onde a prosa historiográfica xoga un papel importante, xa podemos diferenciar a prosa feita en Galiza da feita ao outro lado do río Miño. Polo tanto, a partir do s. XV só se inclúe dentro da prosa galega a que se produciu en Galiza. Pertencen a este período os Milagres de Santiago, ou a Crónica de Santa María de Iria entre outras. Ademais tamén se poderían considerar como prosa específicamente galega a Crónica Troiana e a Historia Troiana que integran o Ciclo clásico a pesar de estar datadas a mediados do XIV, dado que teñen unha orixe claramente galega (Betanzos ou Pontedeume).

De todas formas, para empezar hai que sinalar que os primeiras textos en prosa escritos en galego-portugués non son de carácter literario. Trátase de prosa tabeliónica. É dicir, son textos de carácter notarial, como a Noticia de Torto ou o Testamento de Afonso II ambos datados en territorio portugués arredor de 1214. O uso do galego-portugués facíase necesario neste tipo de documentos por meras razóns prácticas, isto é, para facilitar a súa comprensión, pois o latín nesa altura xa non era unha lingua accesible para a maioría da poboación. O uso do romance neste tipo de textos, irase estendendo así a partir do século XIII, consolidándose finalmente no noso territorio como lingua escrita en todo tipo de documentos, tanto públicos como privados, ata que a finais do s. XV o castelán empeza a substituír o galego por causas políticas.

Pero como sabemos o uso escrito do galego non se reduce a textos de carácter pragmático. Ao lado de testamentos, documentos de compra-venda, doazóns, etc, van aparecer textos historiográficos, xurídicos, didácticos e relixiosos de grande interese, moitos deles traducións ao galego doutras linguas. E ao mesmo tempo o galego tamén vai acceder á categoría de lingua literaria na prosa, sobre todo a través de traducións de obras estranxeiras que se converteron en Best Sellers da época en Europa. Estámonos referindo aos libros de cabalerías, tan do gusto

medieval. Estas narracións de ficción poden agruparse basicamente en dous ciclos: Ciclo clásico ou materia de Troia e Ciclo artúrico ou materia de Bretaña, aos que se pode engadir o Ciclo carolínxeo fererido ás aventuras de

Carlomagno na Península que está presente nunha das partes que conforman os Milagres de Santiago. Aínda poderíamos incluír con toda lexitimidade dentro da prosa literaria certas pasaxes dos libros de liñaxes, sen esquecer que moitos dos textos relixiosos ou historiográficos non carecen de valor literario, por non comentar que a miúdo inclúen narracións de feitos que aínda que pretendían pasar por históricos ou verdadeiros hoxe consideraríamos como incursións no terreo da ficción.

Aténdonos aos criterios establecidos anteriormente, unha posible clasificación da prosa literaria sería a que propoñemos a continuación:

(2)

A NARRATIVA DE FICCIÓN

Como xa apuntamos arriba a nosa prosa de ficción medieval pode agruparse en dous grandes ciclos: Ciclo artúrico ou Materia de Bretaña e Ciclo clásico ou Materia de Troia, ao que se pode engadir o Ciclo carolínxeo presente nunha obra relixiosa: Milagres de Santiago; e tamén os libros de liñaxes. Empezamos por estes últimos.

Libros de liñaxes

: son textos escritos coa intención de elaborar unha xenealoxía das familias nobres, que a miúdo se facía remontar ata un suposto ascendente bíblico ou mítico, como é o caso dos Velosos ou da poderosa familia galega dos Mariños. Consérvanse catro libros de liñaxes, todos eles elaborados en territorio portugués. O máis importante é o Nobiliario do Conde Don Pedro, redactado polo propio Conde de Barcelos seguramente entre 1340 e

1344 coa intención de sinalar os lazos familiares existentes entre os nobres da Península: “compuge este livro por gaanhar o seu amor e por meter amor e amizade entre os nobres fidalgos da Espanha”. Dedícalle varios capítulos a familias galegas. A pesar de ter unha intención historiográfica, inclúe capítulos de grande interese literario como é o que recolle o mito da “Dona do Pé de Cabra”.

Ciclo artúrico ou Materia de Bretaña

. Este ciclo está composto por aquelas obras que fan referencia á figura do mítico Rei Artur e á busca do Santo Graal por parte dos Cabaleiros da Táboa Redonda. Tamén se denomina Materia de Bretaña por situarse a acción novelesca tanto na Pequena Bretaña –a Bretaña francesa- como na Gran Bretaña. Estas historias construídas a partir de relatos de orixe celta tiveron gran difusión por Europa desde o século XII. Parece ser que foi a esposa de Afonso VII, Leonor Plantagenet (filla de Henrique II de Inglaterra) a que introduciu na Península o gusto por estas historias, pois cando se esposou co rei en 1170 traía con ela unha copia da Historia Regum Britanniae de Godofredo de Monmouth, que contén unha historia dos reis bretóns e é a base das posteriores elaboracións literarias do mito artúrico. As obras pertencentes ao ciclo artúrico galego-portugués son unha tradución da denominada Post-Vulgata francesa falsamente atribuída a Robert de Boron, que constaba de tres partes. En galego portugués consérvanse a primeira parte case íntegra, titulada Livro de José de Arimatea, un frangmento do Livro de Merlín e a terceira, titulada Demanda do Santo Graal.

-O livro de José de Arimatea consérvase nun manuscrito do século XVI copiado dun orixinal de 1314, segundo declara o copista, aínda que seguramente este interveu modificando a redacción do orixinal. A narración conta como o nobre Xosé de Arimatea pide a Pilatos o corpo de Cristo tras a crucifixión para ser debidamente sepultado, pero antes recolle no cáliz que usara Cristo na última cea as últimas gotas do seu sangue. Despois da súa resurrección, José de Arimatea é acusado polo sumo sacertote xudeu Caifás de ser o culpable de facer desaparecer o corpo da tumba e é encarcerado. Durante todo o tempo que permanece na súa prisión, Xosé de Arimatea é socorrido polo Santo Graal, que o alimenta e fai que permaneza mozo, ignorando o tempo que pasou desde que fora encarcerado. Finalmente é rescatado polo emperador Vespasiano, convertido ao cristianismo grazas á milagrosa curación que obrara nel a saba santa, onde cristo limpara a suor durante o calvario. Despois, Xosé de Arimatea viaxa a Gran Bretaña onde funda a liñaxe que custodiará o Vaso Sagrado no Castelo de Corberic, ata a chegada do elixido ao que lle serán revelados os seus segredos. Nesta obra xa se identifica o Graal co vaso ou cáliz da última cea, e coa figura de Xosé de Arimatea cristianízase o mito celta.

-O livro de Merlín consérvase só de forma moi fragmentaria nun pergamiño que apareceu encadernando unha obra do s. XV. Trátase posiblemente do texto máis antigo dos atopados. Nel relátanse dous episodios que por si mesmos non contribúen á progresión da historia.

CLASIFICACIÓN DA PROSA LITERARIA PROSA GALEGO-PORTUGESA (ata finais do s. XIV): -Libros de liñaxes (s. XIV)

- Ciclo artúrico ou materia de Bretanha -Livro de José de Arimatea (1314) -Livro de Merlín (s. XIII-XIV)

-Demando do Santo Graal (finais do XIV?) - Livro de Tristán (s. XIV)

PROSA GALEGA (s.XV-XVI):

-- Ciclo clásico ou materia de Troia

-Crónica troiana (s.XIV-elaborada en Galiza) -Historia Troiana(s.XIV-elaborada en Galiza)

-Prosa Xacobea

-Milagres de Santiago (finais do XIV - principios do XV) -Crónica de Santa María de Iria(s. XV)

(3)

-A demanda do Santo Graal iníciase coa chegada de Galaaz a Camelot, onde ocupa a “Seeda Perigosa” (asento perigoso), denominada así porque quen se atrevese a sentarse nela sen ser puro caería morto. Coa chegada do elixido, que ocupa o asento reservado para el, Rei Artur toma a decisión de mandar os seus cabaleiros da Táboa Redonda á busca do Santo Graal. Despois de dar cima a moitas aventuras, entre as que cabe destacar a da Besta Ladrador, a do Cervo Branco ou a do Castelo Felón, serán finalmente Galaaz, Boors e Persival quen atopen o Santo Graal no Castelo de Corberic, onde xace enfermo o rei Peles ou Rei Pescador, que custodia o Vaso Sagrado e que será curado por mediación de Galaaz. Alí Galaaz accederá aos misterios que encerra o Graal nunha especie de visión extática. Tras dar remate a esta aventura, Galaaz e a súa compaña encamíñanse a terras estranxeiras onde é feito prisioneiro e despois proclamado rei en contra da súa vontade ata a súa morte. Daquela, Percival decide facerse ermitán e facele un ano máis tarde. Entón Boors fica só e regresa a Camelot, onde descobre que os amores adúlteros da raíña Xenebra con Lancelot poñen en perigo a estabilidade do reino. Efectivamente, cando Arturo descobre a infidelidade da súa muller e do seu vasalo máis querido, decide castigalos. Lancelot, que lograra escapar da

emboscada que lle prepararan os cabaleiros de Artur, volve para rescatar a raíña cando vai ser queimada viva como castigo á súa infidelidade e lévaa consigo. Daquela Artur emprende unha guerra contra Lancelot e os seus aliados. Durante a súa ausencia confía o reino a Mordred, fillo ilexítimo froito dos amores incestuosos coa súa medio irmá Morgana, que o traizoa, usurpándolle o trono. Finalmente, Arturo regresa para recuperar o seu reino e mata a Mordred na batalla, pero resulta gravemente ferido. Para que o corpo do rei non fose achado, e non se saiba con seguridade se morreu, será depositado nunha barca guiada por Morgana e será conducido á illa de Avalón, de onde se espera que regrese para traer outra vez a paz e a prosperidade ao reino. O texto remata coa destrución do reino de Logres a mans do rei Mars de Cornualles, inimigo de Artur.

Ademais das obras que se integran no ciclo da Demanda do Santo Graal, tamén se conserva un fragmento do Livro de Tristán, relato independente do anterior pero tamén de orixe céltico que hai que incluír na Materia de Bretaña.

Ciclo clásico ou Materia de Troia

. Está integrado por aquelas obras que remiten á historia da destrución de Troia polos gregos e dos heroes que participan na guerra. Inclúense dentro deste ciclo dúas obras: a Crónica Troiana e a Historia Troiana, ambas de finais do s. XIV. Denomínase ciclo clásico por ter estas historias a súa orixe nas epopeas gregas e romanas, principalmente a relatada por Homero na Ilíada. Non obstante, as obras galegas derivan indirectamente da recreación medieval feita por Benoit de Sainte-Maure no seu Le Roman de Troie, escrita arredor de 1160.

-A Crónica troiana foi elaborada en Betanzos ou Pontedeume por encargo do conde Fernán Pérez de Andrade. Trátase dunha tradución feita polo clérigo Fernán Martíns e o seu equipo a partir dunha versión castelán da obra de Benoit de Saint-Maure e rematouse de escribir en 1373. O texto comeza co rapto de Helena por Paris, o que provoca a ira do seu esposo Menelao. Este acode entón a Agamenón, que reune os reis gregos baixo o seu mando para rescatar a Helena e destruír Troia. A visión do mundo grego que presenta a obra está feita desde unha perspectiva absolutamente medieval, onde o elemento cortesán ten unha grande presenza no relato dos feitos. Así, trasládanse os principios do amor cortés ás relacións amorosas entre os personaxes, e tamén hai múltiples anacronismos, como presenza de monxas na antigüidade.

-A Historia Troiana é unha obra bilingüe, pois está escrita en parte en castelán e en parte en galego. A parte galega realizouse postesteriormente sobre o manuscrito castelán do s. XIV. Esta obra complementa a Crónica, pois contén o relato de feitos anteriores ao inicio da guerra de Troia como a expedición dos argonautas ou a infancia de Aquiles.

Prosa xacobea

A inclusión da prosa xacobea dentro da prosa literaria pode ser discutible, xa que os Milagres de Santiago e a Crónica de Santa María de Iria son susceptibles de ser clasificados con toda propiedade dentro da prosa relixiosa o primeiro e da prosa historiográfica o sugundo. Non obstante, nós preferimos primar o valor literario destas obras, e tendo en conta que o que constitúe o seu núcleo máis destacado é a referencia á figura de Santiago e a súa relevancia para a historia de Galiza incluímolas dentro dun apartado especial dedicado á prosa xacobea, seguindo o criterio de X.R.Freixeiro Mato en Historia da literatura galega (ed. A Nosa Terra). Aínda sería posible tratar os Milagres de

(4)

Santiago dentro da prosa literaria como integrante dun Ciclo carolínxeo, pola presenza da figura de Carlo Magno nalgunhas partes desta obra.

-Milagres de Santiago (e o Ciclo carolínxeo). Os Milagres de Santiago é un manuscrito de finais do XIV ou principios

do XV. Trátase dun libro misceláneo que contén unha parte central referida á figura e ós milagres do apóstolo Santiago, a maioría procedentes da tradución do Códex Calistunus do s. XII ao que se engade material extraído doutras fontes. Outra parte importante é a referida á presenza de Carlo Magno na Península. É esta parte,

denominada Pseudo-Turpín, (procedente tamén do Códex Calistinus) a que nos permite falar dun Ciclo carolínxeo na prosa galega de ficción. Neste relato, atribuído falsamente a Turpín –arcebispo de Reens- cóntase como Carlo Magno librou a España dos mouros. Carlo Magno ve no ceo un camiño de estrelas que conduce a Santiago, entón

aparéceselle o Apóstolo que o impele a entrar coas súas tropas na Península e liberala de infieis, restituíndo a fé entre os cristiáns.

Os Milagres de Santigafgo aínda contén unha tradución parcial da Guía de peregrinos contida no Códex Calistinus (livro IV), na que se fai unha descrición da cidade e da Igrexa de Santiago.

A crónica de Santa María de Iria é un manuscrito do s. XV que se centra sobre todo na historia da fundación da igrexa e do bispado de Iria Flavia, antes de ser trasladado o bispado a Compostela. Contén historias de certo valor literario como a do Bispo Ataulfo. Optamos por incluíla tamén dentro da prosa xacobea.

PROSA DE NON FICCIÓN

Prosa historiográfica.

Dentro da etapa da prosa galego-portugesa (ata finais do XIV), cabe destacar, se exceptuamos os libros de liñaxes que comentamos arriba, as seguintes obras. En primeiro lugar, a Crónica Xeral Galega, conservada en dous manuscritos de comezos do XIV, que conteñen a tradución da Crónica Geral e da Crónica de Castilla de Alfonso X. Conta a Historia de Castela desde Ramiro I ata despois do reinado de Fernado I, dando tamén noticia dos reinados de Fernando III, Sancho IV e Alfonso X nun breve engadido. Tamén cómpre destacar a General Estoria, tradución da outra obra magna de Alfonso X, unha “Historia Universal de orientación bíblica” como a define Xosé R. Pena. Outras obras deste período soerían a Crónica do Mouro Rasís (relaizada na corte de D. Dinís a finais do XIII pero da non se conservan máis que fragmentos) ou a Crónica Geral de 1344 (atribuída á iniciativa do Conde de Bercelos, da que tampouco se conserva ningún texto galego-portugués, só a tradución ao castelán)

Dentro xa do período da prosa galega hai que destacar a Crónica de 1414, que narra en catro apartados a historia da humanidade desde a creación do mundo ata o reinado de Henrique III de Castela. E tamén a Crónica de Santa María de Iria, que aquí incluímos na prosa xacobea.

Prosa haxiográfica

Entre as obras de contido haxiográfico ou relixioso cómpre destacar as seguintes, todas elas de finais do XIV ou principio do XV.

-Castelo Perigoso, obra traducida do francés que contén sete tratados de ton místico de finais do XIV. A obra toma o nome do primeiro dos tratados, nos que se fai unha alegoría da vida interior a partir da imaxe do castelo.

-O Boosco deleitoso, obra de principios do XV de carácter místico na que se fai unha louvanza da vida solitaria e ascética.

-Historia de Barllan e Josafat, que se trata dunha cristianización da lenda de Buda, escrita cunha finalidade claramente edificante desde o punto de vista da fé cristiá.

-Visión de Tundalo, baseada nunha obra latina do S. XII, conta o percorrido da alma deste personaxe polo Inferno, o Purgatorio e o Paraíso. É de Finais do S. xiv.

Aínda se poden citar outras como a Legenda aurea ou o Conto de Amaro, esta última obra da que non se coñece o orixinal que trata dun monxe ao que se lle concede coñecer o Paraíso Terreal nunha especie de visión extática.

Prosa xurídica

Dentro da prosa xurídica pódese citar a tradución das Sete partidas de Alfonso X, que se conserva de forma fragmentaria na nosa lingua. Tamén se conservan fragmentos do Foro Real, Foro Xuzgo, Flores de Dereito…

(5)

Prosa didáctica.

Dentro da prosa didáctica a obra máis importante é o Livro da Albeitería, que trata sobre a cura e doma dos cabalos. Trátase da tradución da obra de Jordanus Rulfus, moi prezada na época.

Referencias

Documento similar

Pero en ese gesto también nos encontraríamos con la médula de la ficción: detrás del velo de la prosa de Félix de Azúa estaría la Vida de San Luis y el talento de Joinville

370 FILOLOXIAS GALEGA E

Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma de Madrid... Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma

Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma de Madrid... Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma

Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma de Madrid... Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma

Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma de Madrid... Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma

Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma de Madrid... Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma

Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma de Madrid... Fundación Ramón Menéndez Pidal / Universidad Autónoma