• No se han encontrado resultados

Vi d a s s e n ll eir a s

N/A
N/A
Protected

Academic year: 2021

Share "Vi d a s s e n ll eir a s"

Copied!
11
0
0

Texto completo

(1)

TÍTULO...

Vi d a s s e n ll eir a s

AUTOR...

D a rí o X o h á n C a b a n a

EDITORIAL...

X er ai s

Nº DE PÁXINAS...

1 1 1

(na edi ci ó n qu e nó s m a n e x a m o s , a 1ª) XÉNERO...

co nt o s

Argumentos

O fuxidor

Este conto fálanos da historia de Francisco Vispalia Neira, personaxe que ten a rara habilidade de desaparecer, de fuxir, cando quere, que normalmente é cando a situación se volve demasiado tensa. Francisco vive nas Terras Altas do Courel, en Zarracín, a comezos do século XX, e a primeira vez que manifesta (ou que descobre) esa rara destreza e cando se inicia na escola. Claro que a escola daquela non era como hoxe, senón das “de ferrado”, aquela que poñía un veciño da parroquia que estudara algunhas letras e que en troco dunha pequena renda lle ensina aos nenos do lugar as catro regras e algo máis. O mestre, chamado o vinculeiro de Zarracín, quixo castigar a Francisco (tamén chamado Farruco) o seu primeiro día de escola, e este foxe. Desde entón, van ser varias as ocasións en que Francisco desaparece.

Cando se proclama a II República, Francisco é xa un mozo, e vai participar no fervedoiro de ideas políticas, debates e ilusións dese período, que tamén se dá no Courel. Nas Terras Altas o seu antigo mestre, o vinculeiro de Zarracín, predica o socialismo, empréstalles aos mozos exemplares do Manifesto Comunista e O Estado e a Revolución, e constitúe unha célula política.

Farruco, de carácter pachorrento e introvertido, visita o vinculeiro, participa na célula, pero non ten moita implicación nas diferentes actividades. O que dá que falar é a súa afección a desaparecer e botar varios días “por aí”.

O golpe de Estado de 18 de xullo sorprende a Farruco nunha desas súas fuxidas, e cando

(2)

regresa, o vinculeiro de Zarracín e o seu fillo, Roberto, amigo de Farruco, están presos no cuartel da Garda Civil. Aproveitándose do seu “poder”, Farruco libéraos, e estes van coller camiños diverxentes: o vinculeiro morre na fronte de Asturias, e o seu fillo, despois dun longo periplo, irá dar a Moscova.

Durante o tempo da Guerra, o protagonista vai salvar a vida en varias ocasións grazas á súa habilidade, e sabedor dos perigos que corre el e a súa familia vai desaparecer por unha boa tempada, até o 1941. Mais despois, na posguerra, Farruco tórnase nunha persoa solitaria e enigmática, que bota moito tempo sen ter trato coa xente, e que non dá moitas explicacións das súas andanzas, e mesmo cultiva a súa imaxe de “heroe salvador”, levando unha pucha e un arco con frechas á moda do Robin Hood que interpretaba por aquela época o Errol Flynn no cinema...

Foi cambiando o Courel, coa emigración a Bilbao e a Barcelona, a introdución de novos cultivos forestais, o estudos do sobriño... E de Farruco cada vez menos se sabía, até que deixou de aparecer.

O seu sobriño foi quen encontrou dous libros, agochados nun castiñeiro onde Farruco fixera unha das súas desaparicións: o Manifesto Comunista e Il Barone Rampante.

Rubén Cruzoi

Este relato, o máis extenso do libro (35 páxinas na edición que nós manexamos, a 1ª), recolle a biografía de Rubén Cruzoi contada polo seu amigo de infancia e veciño de parroquia. Nacido na parroquia chairega de Roás en 1951, este Rubén Cruzoi mostrou xa desde a súa infancia unha inclinación grande pola lectura e a xeografía, e foi seguramente un agasallo que lle fixo a súa mestra o que descrubiu a súa verdadeira vocación. Tal agasallo era un exemplar de Robinsón Crusoe, e a súa vocación habitante dunha illa deserta. A lectura desta obra cativou totalmente a

Rubén, de modo que a leu e releu continuamente. Agora, aa escola só lle prestaba atención á xeografía e ás ciencias da natureza, aprendeu oficios como carpinteiro, zoqueiro ou ferreiro, mesmo fixo que lle ensinasen a calcetar, e empezou a se interesar case obsesivamente polas

(3)

illas. De feito, nunha visita escolar á cidade da Coruña, o seu único motivo de interese foi o descubrir se no mar de por alí hai illas, e se estas se podían habitar.

Cando fixo a maioridade, Rubén decideu abandonar a casa e establecerse na illa Varciela, unha insua que o río Anllo fai ao seu paso pola parroquia de Roás. Para sorpresa dos parentes e veciños, Rubén foi para a Varciela a comezos do outono e decideu non voltar. Armou unha pequena cabana, mantívose co que pescaba e cos paxaros que cazaba, e ignoraba a xente que lle falaba desde a beira do río, ou o observaba curiosa, a non ser seu pai, que o visitaba para se interesar polo fillo. Esta primeira aventura de Rubén acabará coas choivas do outono, que fan que o Anllo se bote e que o aprendiz de náufrago desperte nunha das beiras do río. A illa fora totalmente asolagada e o leito do morador arrastrado polas augas mentres este durmía.

Tras o fracaso, Rubén voltou á casa, e continuou a colaborar nas tarefas agrícolas. Pouco despois, foi facer voluntariamente o servizo militar, pola Mariña, como non podía ser doutro xeito.

Tras licenciarse, foi visitar ao seu amigo e narrador desta historia a Vigo, cidade na que vivía daquela. Un domingo, levárono de paseo ao Baixo Miño, e Rubén descubriu así as illas do curso final do río. Preguntou sobre elas, visitounas, explorounas, e finalmente decidiuse pola chamada Morraceira do Grilo, que pertence ao concello do Rosal e está perto da desembocadura do río Tamuxe (ou Carballás). Alí construíu Rubén a súa 2ª cabana, e ao dispor de máis medios, foi esta máis grande, mesmo con cama e algún moble, e cultivou un hortexo onde mesmo recolleu millo.

Mercé aos oficios que aprendera, foi quen de armar unha barca, para visitar as outras illas, e mesmo domesticou unha lontra, á que lle puxo Venres, para ter así algo de compaña. Pasaron as estacións, e un día Rubén Cruzoi apareceu de novo por Roás. Como logo lle confesou ao seu amigo, cansou da vida na Morraceira do Grilo, que a fin de contas non deixaba de ser unha illa de río, e o que el desexaba era ser un Robinsón de verdade, de illa no mar.

Porén, este 2º fracaso non fixo que Rubén abandonase a súa vocación temperá, e tras o seu regreso a Roás o protagonista fixo unha viaxe por toda a costa galega á procura dunha illa que estivese deshabitada e que tivese condicións para acoller un robinsón. Ningunha había, e así cundiu un certo desánimo no náufrago chairego, mesmo apóndolle ao seu nome de pía a

(4)

responsabilidade dos seus fracasos. Tras a morte dos seus pais, xa ben entrada a década de 80, Rubén desapareceu e nunca máis foi visto.

O seu amigo e narrador publicou pouco despois un artigo en Faro de Vigo onde contaba a historia de Rubén Cruzoi, e chegáronlle de volta noticias de mariñeiros que avistaran unha illa onde moraba un robinsón. Uns falaban do Grand Sole, outros de Terranova, había quen vira un Robinsón perto de Namibia, quen dicía que tal cousa fora nas Malvinas...

E conclúe o relato cunha cita do Sinbad de Cunqueiro, que tanto lle gustaba a Rubén Cruzoi: (a illa) “Trapobana non é que propiamente non a haxa; o que pasa é que é navegante, e que hoxe está aquí e mañán acolá.”

O vello da montaña

Neste conto relátasennos os últimos 40 anos de vida de Salustiano Yanes, bestilleiro de profesión. Morador de Retizós, na Terra de Meira, cando vai de camiño á feira de Escairón, en xaneiro de 1809, é asaltado polos soldados de Soult, que lle rouban bestas e montura, o que o obriga a voltar a pé para a casa. Ao día seguinte, na compaña do seu fillo máis vello (tiña sete), armado e con dúas monturas, súmase á guerrilla en defensa do país, onde chegará ao grado de capitán. Cando marchan (ou botan) os franceses, Salustiano volta á súa casa e á súa vida de bestilleiro.

Un día, dada a súa condición de foreiro dos frades de Meira, foi até o convento pargar as rendas do ano, e houbo discusión entre pagador e cobradores que rematou coa ameaza velada destes últimos de que, á volta de Fernando VII, habían de axustarlle as contas. O bestilleiro quedou pensando na ameaza eclesiástica, e decideu abandonar a súa casa de Retizón para ir ocupar, outra na serra, casa que manda facer e onde vai acabar de criar os seus outros fillos. Se ben a serra non é boa para a agricultura, si que o é para as bestas, e desde esta casa da montaña o señor Salustiano seguirá acudindo ás feiras, agora sempre ben armado, e na compaña dalgún dos seus fillos.

(5)

Cando na primavera de 1814 regresa Fernando VII, Salustiano non se preocupa moito, pero os casos de Sinforiano López ou Porlier danlle que pensar, e así decide visitar os frades de Meira, ben armado e acompañado dos seus fillos, para advertilos de que, xa que nunca lle causou dano, tampouco llelo causará agora, a non ser que a súa familia ou el sexan os agredidos.

Finalmente ninguén os irá molestar, nin nas feiras nin na montaña, e tanto as habenzas como a familia de Salustiano, xa vello da montaña, medran e esténdense, con máis casas ao lado da do vello petrucio, máis netos, máis gando e máis anos.

Cando os frades de Meira sexan exclaustrados, o vello fará unha festa na montaña, e no inverno de 1846, tras declarar o seu testamento, morre el e pouco despois a súa muller. O lugar da montaña, creado para medrar e resistir, foi perdendo o vizo e a xente, a familia do vello da montaña separouse, e as pedras voltaron a ser das hedras.

Severo de Melisenda

O protagonista que lle dá título a este relato recibe o seu nome por nacer un 8 de xaneiro, día de San Severino, e por ser a súa nai Melisenda. Os avós de Severo chegaran desde a Castela á Terra Chá para traballar como caseiros, e segundo o autor, o aire chairego prestoulles ben porque tiveron 13 fillos, a máis nova deles, Melisenda. Como a vida de caseiros non daba para criar 13 bocas con moita fartura, a todos, en canto puideron, buscáronlles oficio e acomodo. Melisenda, con 15 anos, foi de criada para a Casa Meá, dos Carballiños. Debía de levar alí tres ou catro anos cando, de todos os mozos que ían visitala, Melisenda lle fixo caso a un de Vendia. E deses amores veu o embarazo de Melisenda, que non do de Vendia, que unha vez que soubo dos froitos do amor nada quixo saber de Melisenda nin do seu fillo. E como os pais de Melisenda tampouco quixeron axudarlle, Severino (despois dito Severo) naceu na Casa Meá.

Mais os Carballiños decidiron buscar un medio de vida para Melisenda, de modo que cerraron 6 ferrados de monte, que se tornaron nunha chousa, e alí fixeron un modesto caseto para Melisenda e o seu fillo. No tal caseto criouse Severo, que xa desde o nacemento foi bastante cativeiro. De feito, tardou en andar, e quedou algo esquerquenado, cun ombro algo máis baixo

(6)

que o outro. Nai e fillo traballaron a súa chousa, e tamén ían gañar algún xornal polas casas.

Cando Severo andaba polos vinte e poucos, Melisenda enfermou de tuberculose, e como eran os tempos da posguerra, con poucos medicamentos, e caros, a paciente foi empeorando pouco a pouco até que a morte a levou con ela. Foi un duro golpe para Severo, que se fixo máis calado do que era, e perdeu a ansia e as forzas para case todo.

Foi nestas cando un día en que andaba ás pinas (como era pobre, non tiña leña con que quentarse), Severo escoitou a conversación dun veciño, Manuel de Felisa con seu fillo. Manuel decíalle ao fillo que non andase só por alí, que había un papón cun saco que levaba os nenos. O fillo de Manuel non lle cría moito, e díxolle que tal home cun saco ao lombo era Severo, que ben o coñecía, ao que o pai replicou que Severo era o papón.

Como ao Severo non lle gustou moito a acción do que pensaba era seu amigo, foi falar con el ao día seguinte. O Manuel escusouse, e explicoulle a Severo que o fillo tiña a manía de se escapar da casa, e que todo era por previr males. E para intentar amañalo, ofreceulle a Severo un ferrado de trigo ao ano a cambio de que Severo “asustase” ao fillo de Manuel e lle quitase a teima de se escapar. Severo acepta, asusta o fillo de Manuel, e o resto dos veciños da parroquia, Roás, deciden “contratar” o mesmo servizo que Manuel con Severo, de modo que este xunta un número considerábel de trigo cada ano, e, así, líbrase de sachar na chousa e da fame que viña pasando.

Mesmo veciños doutras parroquias limítrofes (Xermar, Sta. Cristina...) van pedirlle a Severo que faga o mesmo cos seus fillos. Así que Severo gaña unha boa renda, pode mesmo aforrar, e vai pasar sempre 15 días de vacacións a Lugo polo verán, se ben ten de manter a súa fama de papón: deixa barba, non fai vida social, dálle algún susto aos cativos, bota moito tempo agochado...

Mais o prezo da vida vai subindo, algo que non acontece co prezo do trigo, e ademais cada vez as familias teñen menos fillos, abren un grupo escolar en Cospeito ao que van os nenos das parroquias, fan pistas e caen en desuso os vellos camiños e corredoiras, xa non hai touzas porque o chan se vai especializando nos cultivos forraxeiros para o gando... E todo isto fai que Severo vaia perdendo renda, e traballo, e que a sombra da fame e a necesidade apareza de novo

(7)

pola súa chousa. Entre tanto, fixo un outro amigo, un neno chamado Camilo do Forxo, que garda o segredo de Severo non ser papón ningún, e ao que Severo vai vendo medrar...

Un día, o Manuel da Felisa búscalle unha solución. Son as primeiras eleccións democráticas despois do franquismo, e o novo alcalde, Florencio de Támboga, concorda con Manuel e con máis veciños que Severo, a quen a rapazada xa lle perdeu o medo e que volta a facer vida social con nenos e vellos despois de moito tempo, é o candidato ideal para ocupar a praza de conserxe do Grupo Escolar de Cospeito. Alí traballa Severo até que se xubila.

A mariñeira de Quilmas

Este breve relato (7 páx.) arranca un 28 de xuño de 1936, cando a protagonista que lle dá título, María Expósito Regueira, pare a súa cuarta filla e, por tanto, non pode ir votar no plebiscito sobre o Estatuto de Autonomía para Galiza. Si vai o seu home, Ceferino, malia a súa militancia cenetista, militancia que comparte coa súa muller. O medio de vida da familia é a pesca, que non lle gusta moito a Ceferino, o cultivo da horta e a caza, que lle gusta bastante máis.

Cando o 19 de xullo María volta de vender o peixe, por causa dos rumores que oíu, aconséllalle ao seu home que suba ao Pindo, coa súa escopeta e con algo de comida, e que se deixe estar alí até que a situación mellore, ou se aclare. No monte, lonxe da xente, Ceferino mantense coa caza e cos alimentos que María lle leva cada 3 ou 4 días. Nunha destas visitas que María lle fai, non dá encontrado a Ceferino, e cando finalmente dá con el está morto. Caera accidentalmente polas rochas do Pindo e matárase. Con todo, María continuará subindo ao monte cada semana, para que todos sigan pensando que o seu home vive, e que baixará sempre que teña que defender a súa familia. Sérvelle así de coartada a María á hora de intimidar aso fascistas que a acosan, a ela e ás súas fillas. Chegará a lle atribuír ao seu defunto home un crime (o asasinato dun falanxista que a roldaba) que ela mesma cometera.

Entre tanto, María vai ao mar coa gamela do seu home, e a súa maña coa pesca mais a axuda das súas fillas fan que a familia vaia saíndo adiante. María só lle confesará ás fillas a morte do seu pai, e a súa soidade durante este tempo, 20 anos despois de que o encontrase morto.

(8)

Valoración

Vidas senlleiras está formado por cinco relatos independentes en que se narran cinco vidas pouco

comúns: a de alguén que ten o don de se tornar invisíbel; a de quen quere ser un náufrago malia nacer e vivir na Terra Chá; a dun patriarca decimonónico cheo de vontade e valentía; a dun tullido que vai facer da inxenuidade e o medo dos nenos o seu insólito e tenro medio de vida; a dunha muller chea de valentía e intelixencia que logra enfrentar a violencia cunha das armas máis valiosas e eficaces, o medo do inimigo. É un libro onde encontramos aventuras, por veces divertidas e por veces tráxicas, pero tamén a intención clásica da biografía, ensinarlle a quen le por medio do exemplo do “heroe” ou da “heroina” as virtudes e os defectos.

Ao mesmo tempo, como noutros libros de Darío Xohán Cabana, hai unha vontade de situar a acción nun lugar e nunha data moi concreta, e así as variadas peripecias que se nos contan tamén nos poden servir para recrear/coñecer momentos importantes da historia contemporánea en Galiza: o 1º terzo do séc. XIX (“O vello da montaña”), a época da República, da guerra civil e da posguerra (“O fuxidor”, “A mariñeira de Quilmas”), ou a posguerra e a transición (“Rubén Cruzoi”, “Severo de Melisenda”). Cómpre dicir, en todo caso, que os elementos históricos sempre son o “telón de fondo”, e nunca empecen o ritmo narrativo, mais condicionan a biografía dos personaxes. Para alén destes feitos e momentos históricos dados, tamén se recolle en varios relatos (“Ruben Cruzoi”, “Severo de Melisenda”) a transformación da paisaxe e do mundo agrario nos últimos 40 anos, de maneira que é fácil reflexionar e percibir como era a realidade económica, laboral e social dos nosos pais e dos nosos avós (e os dos alumnos), algo especialmente interesante para todo aquel alumnado que teña un mínimo contacto co mundo rural.

Outro dos aspectos positivos do libro é o tratamento das variedades dialectais. Se ben o narrador de todos os relatos sempre se expresa na variedade estándar, nos diálogos dos personaxes recréanse de maneira precisa e coidada as falas propias da zona en que se sitúa a acción (a oriental en “O fuxidor”, a central en “Severo de Melisenda”, a occidental en “A mariñeira de Quilmas”), de modo que os relatos constitúen un pequeno mostrario de dialectoloxía. Pode ser lecturas que se presten como exemplos á hora de tratar as variedade diatópicas da lingua.

(9)

Sobre a última das historias do volume, “A mariñeira de Quilmas”, estreouse o ano pasado unha mediametraxe dirixida por Antón Dobao, de modo que tanto o texto como o filme pasan a ser dous bos recursos para achegarse á linguaxe audiovisual, un dos contidos do currículo de Lingua e Literatura.

Información sobre o autor

Darío Xohán Cabana (Roás, 1952) é un recoñecido poeta, narrador, ensaísta e tradutor das nosas letras. Gañador de numerosos premios (Galván en Saor, Xerais 1989; O cervo na torre, Xerais 1994 ; Vidas senlleiras, Premio Cidade de Lugo 1992; etc.), acadou tamén un amplo éxito entre os lectores, e son moitas as obras súas que foron reimpresas.

Darío Xohán Cabana na Biblioteca Virtual Galega

Darío Xohán Cabana na Asociación de Escritores en Lingua Galega Darío Xohán Cabana

na Galipedia

Darío Xohán Cabana

na Praza das Letras

Outras obras do autor de interese

Darío Xohán Cabana é un autor prolífico, e algunhas das súas obras teñen unha importante presenza no ensino, como Galván en Saor, Fortunato de Trasmundi ou As aventuras de Breogán Folgueira. En varios dos seus libros recreou a Idade Media galega, cunha vontade de divulgación

e de reflexión en clave política, como Cándido Branco e o Cabaleiro Negro. Calquera destes títulos son lecturas amenas e que sempre teñen unha lingua rica e coidada, porque un dos trazos propios deste autor é a preocupación polo estilo e pola calidade lingüística dos seus textos.

Niveis para o traballo co libro

Pensamos que este libro pode ser adecuado para calquera dos cursos da ESO. Ademais dos relatos en si, variados na súa extensión e na súa temática, o volume constitúe tamén unha fonte moi útil para escolmar textos breves, relativamente autónomos, sobre os que traballar a comprensión escrita, ou a morfoloxía. Un exemplo disto pode ser a recreación que se fai do primeiro día nunha escola de ferrado con que empeza “O fuxidor”, ou as diversas anécdotas que

(10)

recolle a vida de “Severo de Melisenda”, tales como aquel que narra os inicios de Severo como

“papaúntos” (que incluímos na parte final deste documento), ou a amizade que logo fai con Camiliño do Foxo.

Materias en que pode ser de utilidade didáctica

Lingua Galega e Literatura, Ciencias Sociais, Educación para a Cidadanía.

Selección dalgún fragmento

(...)

Cerca da Roza dos Tres había unhas grandes pichocas no monte comunal, onde se quitaba o xabre para amañar os camiños. Durante gran parte do ano, as pichocas estaban cheas de auga, e en chegado o tempo florecían de larpallos e de ras cantadoras, e eran moi gozosas de ver, pero bastante perigosas pola súa súpeta fondura. O Severo andaba na súa recolleita polo piñeiral, e desde tras dun valado sentiu a conversación entre o Manuel da Felisa e o seu fillo.

-Por aquí non veñas nunca tu só, que podes caer na auga.

-Pero á auga eu non me achego, papaíño.

-E ademais por estas rozas ándache un papón cun saco grandismo, e mete nel os pícaros mal obedientes.

-Bo, papá, eu ben sei que non hai papón, que xa vou grandiño. E se o hai, non anda de día.

-¡Ai, non ho! ¿E logo tu non o viche nunca? Anda por aí todo o día, e fai que apaña pinas cando ve xente grande. Pero se bate cun pequeno que vai sen seu pai ou súa mai, méteo no saco, e o pequeno xa non parece máis, anque seña grandiño.

-Pero o que anda ás pinas é o Severo da Melisenda.

-¿E logo tu quen pensas que é o Severo da Melisenda? ¡Éche un sacaúntos moi malismo, e mais che val que non te encontre de xeito!

O Severo tiña algo o vicio de escoitar as conversacións, como lle pasa a moitas persoas pouco faladoras, e andaba ó carón do valado para non perder nada desta. Pero acabouse o valado, e o Manuel e o seu fillo seguiron andando para a súa casa. El volveu á apaña das pinas, moi pensativo. O Manuel era dous ou tres anos máis vello ca el, fillo de moza tamén, e foran xuntos á escola. Xa de rapaz era moi bromista e botado para diante, pero tiña moi bo corazón e a el sempre o respectara, e mesmo lle tiña quitado moitos paos do lombo escorrentando algúns abusóns.

O outro día pola mañá, o Severo pasou por diante da casa da Felisa coma quen vai a outra

cousa. Viu o Manuel no curral, e entón achegouse a el dando os bos días e facendo intención de parar

(11)

un pouco, contra o que tiña por costume. Cambiaron primeiro tres ou catro frases intrascendentes, como é cortesía, e despois o Severo entrou en materia.

-Non te enfades, pero onte sentinche sen querer a conversación que traguías co teu fillo. Aínda parece mentira, que sempre nos levamos ben tu e mais eu.

-Home, Severo, que non foi por mal. É que o pequeno sempre me anda escapando, e zoupalo non quería.

-Si, pero tamén dicir que son un sacaúntos... Despois cólleme medo.

O Manuel quitou a petaca e ofreceu tabaco. Remoeron as ideas mentres facían os cigarros, e despois da primeira chupada, o Manuel seguiu argumentando.

-Pois se me axudaras a quitarlle o vicio de escapar e mo tornaras das pichocas, eu aínda che daba algo.

O Severo quedouse pensando.

-Home, pois... Eu moita sobra non teño, ben sabes... Se me deras un ferrado de pan cada ano, mentres dure a necesidá... Pensandoio ben, cando o pequeno vaia grande podemos volver ser amigos.

O trato quedou feito, e o Severo levou daquela mesmo a renda adiantada do primeiro ano. O pequeno Manuel foi un día só deica as pichocas. (...)

Darío Xohán Cabana, “Severo de Melisenda” (in Vidas senlleiras)

Referencias

Documento similar

CONDICIONES del contrato de crédito simple, celebrado entre el Municipio e instituciones bancarias para la sustitución de luminarias dentro del Proyecto de Renovación y Modernización

Y para eso está ESAN, para facilitar experiencias de aprendizaje a través de viajes internacionales de Agronegocios.. ¿Por qué participar

Los ingresos de explotación por MUS$664 y MUS$170 al 31 de diciembre de 2003 y 2002 respectivamente, corresponden a asesorías y servicios administrativos prestados a sus

Garnatxa, Samsó, Cabernet Sauvignon Garnatxa, Merlot, Syrah. BOCA PETITA (Alregi)

PÁGINA ANTERIOR En la suite principal, sillón Benjamin de Sergio Rodrigues para Way Design, luminarias Bauhaus y mesa auxiliar 1949 de Piero Lissoni para Cassina; Bird chair en

Es una empresa Colombiana fundada en el año 2013, constituida con la misión de suministrar productos y servicios con altos estándares de calidad, que conlleven al desarrollo

Gloria tiene como objetivo continuar con el fortalecimiento de su consolidada participación en el mercado nacional e incrementar su participación y desarrollar nuevos

Si existen evidencias de deterioro, la Entidad analiza si efectivamente existe tal deterioro comparando el valor neto en libros del activo con su valor recuperable (como el mayor