• No se han encontrado resultados

TEMA 0: O MUNDO QUE NOS RODEA

N/A
N/A
Protected

Academic year: 2021

Share "TEMA 0: O MUNDO QUE NOS RODEA"

Copied!
7
0
0

Texto completo

(1)

 

TEMA 0: “O MUNDO QUE NOS RODEA”

ÍNDICE

™ CARTOGRAFÍA. PLANOS, MAPAS E PLANISFERIOS

™ TIPOS DE MAPAS

™ TÉCNICAS DE ORIENTACIÓN NO ESPAZO

™ O CLIMA. ELEMENTOS E FACTORES CLIMÁTICOS

™ A PAISAXE: QUE É, ELEMENTOS QUE A FORMAN. TIPOS.

™ CARACTERÍSTICAS DAS PRINCIPAIS PAISAXES DE ESPAÑA E DE

EUROPA

CARTOGRAFÍA. PLANOS, MAPAS E PLANISFERIOS

A cartografía é a ciencia que se encarga do estudo e elaboración do mapas. Un mapa é unha representación simplificada da superficie esférica da Terra, ou dunha parte dela, sobre un plano. Para confeccionalo, os cartógrafos utilizan varios elementos: unha rede xeográfica (sistema de coordenadas formado por dous tipos de liñas imaxinarias: os paralelos e os meridianos, que nos permiten localizar calquera punto sobre un mapa, calculando a latitude e a lonxitude), un sistema de proxección (método que permite representar a superficie esférica da terra sobre un plano), unha escala ( relación entre unha distancia medida sobre o mapa e a correspondente distancia medida sobre o terreo) e diversos signos convencionais (cores, signos ou símbolos cuxo significado está na lenda do mapa). O mapa permite coñecer a localización, a extensión e a distribución sobre un territorio dos elementos físicos e humanos.

*Exemplos (serán mostrados na clase).

TIPOS DE MAPAS

(2)

 

-Os mapas topográficos ofrecen información sobre o medio físico ou a paisaxe e reproducen tanto elementos físicos como humanos dun espazo xeográfico. Representan de forma precisa os aspectos visibles do terreo, como alturas, depresións, presenza de vexetación, de camiños, de edificacións,…

-Os mapas temáticos elabóranse a partir da información dos mapas topográficos e, representan un fenómeno xeográfico concreto utilizando cores, liñas, frechas, figuras xeométricas ou símbolos. Son moi diversos en función “do tema” que traten; así por exemplo, son moi comúns os políticos (países, capitais, cidades), físicos (ríos, mares, relevo, etc.), históricos (feitos históricos determinados como viaxes de navegantes ou asentamentos de pobos antigos), turísticos (hoteis, lugares de interese histórico, cultural,…), etc.

*Exemplos (serán mostrados na clase).

TÉCNICAS DE ORIENTACIÓN NO ESPAZO

Orientarse consiste en recoñecer a situación do Oriente ou lugar por onde sae o Sol. Para iso, o mellor é seguir o movemento aparente do Sol no firmamento. Pero ademais, hai outros métodos que nos permiten encontrar a situación do Norte ou polo terrestre e, por conseguinte, dos restantes puntos cardinais.

A) Durante a noite

Podemos utilizar como referencia as estrelas ( se o ceo está despexado) ou a Lúa. -No hemisferio norte, a Estrela Polar indica sempre o Norte. Esta estrela é a última da cola da Osa Menor, que é unha constelación ou conxunto de estrelas fixas; a pesar de que case todas as ilustracións preséntana como unha estrela moi brillante, a súa luz é moi pálida e con frecuencia difícil de ver; para localizala podemos guiarnos pola Osa Maior (temos que prolongar catro veces a distancia que separa as dúas estrelas frontais da Osa Maior). No hemisferio sur debemos localizar un punto imaxinario a partir da Cruz do Sur, unha constelación con forma de rombo ou de cometa. Se prolongamos a lonxitude do cometa catro veces e media, o punto imaxinario que localicemos indicará sempre o sur.

(3)

 

-A Lúa pode proporcionarnos tamén unha aproximación dos puntos cardinais. Cando está en crecente, as súas puntas sinalan sempre cara ao Leste, e cando está en minguante, cara ao Oeste. Se tes dúbidas para saber cando está dun xeito ou doutro, pensa en que “a Lúa mente”; cando ten forma de “C” non está en “crecente”, en realidade está minguando.

B) Durante o día

-O compás é o método máis fiable para atopar o Norte durante o día.

-O reloxo de agullas e a posición do Sol. Colocámolo de xeito que a agulla das horas apunte cara ao Sol. A liña do Sur pasa a medio camiño entre esa agulla e as 12 en punto do reloxo.

- Os signos naturais. Existen indicios na natureza que poden darnos pistas sobre a dirección que levamos pero non son moi precisos. No hemisferio norte medran as carrizas nas zonas máis sombrías e húmidas dos troncos, que soen corresponder á cara norte. Porén, isto pode variar no caso dos microclimas. As montañas reciben menos sol nas ladeiras orientadas ao norte, polo que adoitan ser máis húmidas. Por outra banda, os

(4)

 

O CLIMA. ELEMENTOS E FACTORES CLIMÁTICOS

O clima é o estado medio da atmosfera sobre un lugar, é dicir, a sucesión habitual e periódica de tipos de tempo (estado da atmosfera sobre un lugar en un momento concreto) que se producen nese lugar. A ciencia que o estuda é a climatoloxía. O clima ten trazos máis estables que o tempo. Para determinalos, é necesario estudar, durante polo menos trinta anos, os elementos e factores que o caracterizan.

- Os elementos son as variables da atmosfera (capa gasosa que envolve a Terra) que poden medirse: temperatura, precipitación, presión atmosférica e vento.

- Os factores son as variables que modifican os elementos do clima: latitude, altitude e distancia ao mar. Outros factores poden ser o efecto barreira que exercen as montañas para a entrada e saída de nubes, así como a proximidade aos ríos, que provocan unha maior humidade.

Temperatura Precipitación Presión Vento

Definición

É a cantidade de calor do aire.

É a auga que cae á superficie terrestre en forma líquida ou sólida. É o peso do aire sobre un lugar. É o aire en movemento horizontal Instrumento de medida

Termómetro Pluviómetro Barómetro Anemómetro

(velocidade) Catavento (dirección) Unidade na que se mide Graos centígrados Mm l/m2 Milíbares (mb) Km/h ou m/sg Leste/oeste/norte/ sur

(5)

 

Os climas da Terra son moi diferentes, como consecuencia da combinación dos elementos e dos factores. En xeral, dispóñense en función da latitude. Así, temos:

Zonas da Terra Climas Localización

CÁLIDA

Ecuatorial Tropical

Desértico cálido

Entre o trópico de Cáncer e de Capricornio TEMPERADA Oceánico Mediterráneo Continental Desértico temperado

Entre os trópicos de Cáncer e de Capricornio e os círculos polares

FRÍA

Polar

De alta montaña

Entre os círculos polar Ártico e Antártico e os polos e nas altas montañas da Terra.

A PAISAXE: QUE É, ELEMENTOS QUE A FORMAN. TIPOS.

A paisaxe comprende unha extensión de terreo na que pode haber plantas, auga, animais, construcións,… Todas as paisaxes cambian co tempo e algunhas veces transfórmanas as persoas (paisaxes humanizadas).

Ademais do relevo, dos ríos (auga), os solos, a fauna, o clima, etc., un dos elementos máis característicos que determinan a paisaxe dun lugar é a súa vexetación. O feito de que crezan unas ou outras plantas débese fundamentalmente a tres factores: a humidade, as horas de luz e a altitude á que se encontran as plantas.

As paisaxes tamén se poden clasificar de distintos xeito; de montaña, de costa, desértica, de interior, naturais, humanizadas,…

(6)

 

CARACTERÍSTICAS DAS PRINCIPAIS PAISAXES DE ESPAÑA

Son moi variadas. Esta diversidade débese a que, aínda que todo o territorio español se sitúa na zona climática temperada do planeta, o relevo, a hidrografía e os climas, non son uniformes.

Existen varios tipos de paisaxes:

-PAISAXE ATLÁNTICA. É propia do noroeste peninsular. Trátase dunha zona montañosa, con moita vexetación na que destacan os bosques de folla caduca de carballos e faias, as chairas con arbustos e os prados de herba para o gando.

-PAISAXE MEDITERRÁNEA. Ocupa o centro da Península Ibérica (de interior) e toda a costa mediterránea (litoral). É unha zona na que abundan as especies vexetais de folla perenne moi resistentes (aciñeira, piñeiro).

-PAISAXE CANARIA. Pola súa orixe volcánica, as precipitacións desta zona e a súa latitude, conta con especies propias, como o piñeiro canario, o drago ou a tabaiba.

-PAISAXE DE MONTAÑA. Nas zonas de maior altitude predominan os bosques de árbores de folla perenne como os piñeirais ou de folla caduca como os faiais.

(7)

 

CARACTERÍSTICAS DAS PRINCIPAIS PAISAXES DE EUROPA

Pola gran variedade de climas de Europa ( polar, de alta montaña, continental, oceánico, mediterráneo, subtropical), diferenciamos as paisaxes en función da súa vexetación:

-VEXETACIÓN DE CLIMA OCEÁNICO (oeste)

-VEXETACIÓN DE CLIMA MEDITERRÁNEO (sur)

-VEXETACIÓN DE CLIMA DE ALTA MONTAÑA (grandes sistemas

montañosos)

-VEXETACIÓN DE CLIMA CONTINENTAL (centro e leste) -VEXETACIÓN DE CLIMA SUBTROPICAL (Illas Canarias)

-VEXETACIÓN DE CLIMA POLAR (norte)

Lembremos que os factores que determinan un tipo de vexetación ou outro son a humidade, as horas de luz e a altitude.

Referencias

Documento similar