Capítulo 1. Estado da cuestión
1.4. Estudos sobre o galego nas TIC
Na epígrafe 2.4 trataremos en profundidade a historia e situación actual de Internet en Galiza, con especial interese á presenza do galego na rede. Neste sentido, unha das principais fontes para coñecermos a situación do galego no ámbito da informática e de Internet antes de 2001 será o traballo Da periferia á rede: Internet en Galicia. Lingua e contidos de Daniel Romero e Isabel Vaquero (2001). Trátase dun detallado traballo sobre a situación de Internet en Galicia e do galego en Internet. Nesta primeira década
do século XXI publicáronse tamén outros traballos de menor entidade, especialmente coa finalidade de ofrecer unha guía de recursos sobre Galicia e o galego na rede (cf. Cuíñas, 1998; galego21.org), de destacar a importancia da presenza do galego nas tecnoloxías para a súa normalización (cf. Durán, 2001) ou de medir a presenza do galego na rede e nas TIC en xeral (cf. Gómez, 2003; Díaz & Meso, 2005; Larrañaga, 2006; Vicente, 2007; Romero, 2007; Iglesias, 2007). Cómpre destacar, a finais da primeira década do século XXI, dous estudos publicados polo Observatorio da lingua galega: Situación da lingua galega na sociedade: Observación no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación: 2008 (EOSA Consultores, 2008) e
Situación da lingua galega na sociedade: Observación no ámbito de Internet: 2009
(EOSA Consultores, 2009). O primeiro deles destaca o predominio do castelán no uso de software, correo electrónico, mensaxaría instantánea a e páxinas web. Sinálase tamén que no ámbito empresarial o uso do galego nas TIC é moi reducido, mentres que na administración é minoritario na administración xeral do Estado e predominante na autonómica e na local. O segundo divídese en dous subámbitos: páxinas web e blogues. No referente ás webs indícase que o galego rexistra unha presenza e unha calidade máis altas nas páxinas webs da administración, mentres que nas das empresas tanto a súa presenza coma a súa calidade son máis baixas. No tocante aos blogues, sinálase que a lingua maioritaria dos blogues galegos é o castelán e que os escritos en galego teñen 12 erros de media. Só o 9% dos blogues analizados carece de erros lingüísticos.
Traballos máis recentes son, por exemplo, “O galego na sociedade da información” (Gómez, 2010), El uso de las lenguas en la red: El caso de España (Centro de Investigación y Documentación del Instituto Cervantes, 2011), “A fala na rede: as TIC como ferramentas de normalización” (García, 2012), “A cota de mercado do galego en Internet” (Neira, 2012), Mocidade, lingua e redes sociais (Domínguez & Ramallo, 2012) ou “O dominio .gal. A visibilidade da lingua galega en Internet” (González, 2014).
Insistimos en que no punto 2.4 trataremos con máis profundidade a situación do galego nas TIC e, en concreto, en Internet, en que afondaremos máis nalgúns dos traballos que vimos de citar e faremos referencia a outros novos. Con todo, a bibliografía sobre análises sociolingüísticas no ámbito das TIC destaca esencialmente a baixa presenza do galego no software e na rede, aínda que tamén fai referencia nalgúns casos ás novas
As TIC e a normalización lingüística na sociedade galega actual. Unha aproximación á súa realidade educativa
posibilidades que ofrece a rede para o galego e para as linguas subordinadas de xeito xeral.
1.5. Recapitulación
A revisión bibliográfica que vimos de realizar, aínda que breve, serve para contextualizarmos os datos que analizaremos no capítulo 3 e no capítulo 4, referentes aos blogues didácticos do ensino secundario obrigatorio e do bacharelato (capítulo 3) e á percepción e uso do galego nas TIC por parte da comunidade educativa (capítulo 4). Así as cousas, cómpre non perdermos de vista que o noso traballo analizará datos sociolingüísticos situados nun contexto global en que o galego non deixa de descender como lingua inicial e habitual e, aínda que aumenta a competencia lingüística en galego (especialmente nas capacidades para ler e escribir) este dato debe ser tomado con moita cautela. Dentro deste contexto global, o noso traballo cinguirase ao ámbito do ensino e das TIC. No caso dos niveis de ensino en que se centrará o estudo puidemos comprobar que a normalización lingüística do galego non só non se está a cumprir, senón que está recuando, especialmente por causa dunha lexislación que non só é insuficiente, senón que na práctica supón un ataque á normalización do galego. Finalmente, no ámbito das TIC a bibliografía consultada considera de xeito xeral que a presenza do galego é baixa, aínda que se considera un ámbito de grande importancia para a normalización do galego.
Partimos, por tanto, de que imos realizar unha análise sociolingüística nun contexto negativo para o galego. Intentaremos que a análise dos datos sobre blogues didácticos e sobre percepción e uso do galego nas TIC por parte da comunidade educativa nos revele puntos fortes e fracos da situación do galego neste contextos para, a partir deles, propoñer liñas de actuación a prol da normalización lingüística en dous ámbitos, o ensino e as TIC, de grande importancia para este tipo de intervencións que achegaremos no capítulo 5, dedicado ás conclusións.
Con todo, antes de nos introducir na descrición e análise dos datos do noso estudo, consideramos que é necesario realizar un achegamento crítico á historia e características campo de estudo en que se vai centrar o traballo: Internet. Na actualidade é moi frecuente facer referencia ás TIC e a Internet, mais tamén é moi frecuente que non se
faga unha análise crítica da historia e situación actual das TIC e de Internet, unha análise que consideramos necesaria para entender moitos dos fenómenos que detectaremos no noso traballo, e que tamén nos axudará alumar o camiño para, desde o coñecemento do funcionamento das TIC e da rede, deseñar estratexias normalizadoras efectivas nunha sociedade en que a tecnoloxía é xa algo central. A isto dedicaremos o seguinte capítulo, o capítulo 2.