1
PRÁCTICUM I:
vida de aula e tarefas do profesorado
Grao en Mestra/Mestre de Educación Infantil Ano académico 2016-17
GUÍA DOCENTE
Profesorado supervisor:
Francisco Xosé Candia Durán (coord.) María del Pilar Fernández Fernández María Lina Iglesias Forneiro Carmen Sarceda Gorgoso Coordinadora do Prácticum da titulación:
Montserrat Pena Presas Facultade de Formación do Profesorado
Av. Ramón Ferreiro, s/n 27002 LUGO Tfno. 982 821005 Fax 982 821057
2
1. DATOS DESCRITIVOS DA MATERIA
CÓDIGO G3131221 NOME Prácticum I: vida de aula e tarefas do profesorado
CARÁCTER obrigatoria MÓDULO AO
QUE PERTENCE Prácticas escolares e traballo fin de grao
CURSO 2º SEMESTRE 1º IDIOMA Galego/Castelán
CRÉDITOS ECTS 12 HORAS DE TRABALLO 12 horas na Facultade, 160 nos centros de prácticas e 128 de traballo autónomo TITORÍAS
ORDINARIAS
Ademais das sesións programadas polo profesorado supervisor, o alumnado poderá acudir ás titorías de despacho sempre que o considere necesario para o mellor desenvolvemento da materia. No web da Facultade pode consultarse o horario de titorías de cada docente
PROFESORADO
Francisco X. Candia Durán [email protected] 982 821019 MªP. Fernández Fernández [email protected] 982 821052 Mª Lina Iglesias Forneiro [email protected] 982 821044 Carmen Sarceda Gorgoso [email protected] 982 821034 O profesorado do Prácticum pertence a distintos departamentos e áreas de coñecemento.
Por ese motivo é importante contar cun documento como a guía docente que integre todas as perspectivas e recolla os aspectos esenciais que deben ser tratados na materia, con independencia de quen sexa finalmente o supervisor ou supervisora que titorice o voso traballo durante o período de estadía.
De todos os xeitos, esta guía recolle só os elementos esenciais e comúns que deben traballarse, pero cabe a posibilidade de que os distintos supervisores ou supervisoras maticen algúns dos aspectos da guía, en parcería co alumnado que particularmente supervisen.
PRERREQUISITOS Para cursar esta materia é preciso ter superados 48 créditos do primeiro curso. Ademais disto é recomendable que o alumnado dispoña de ordenador persoal e coñecementos de informática a nivel usuario.
2. SENTIDO DO PRÁCTICUM NA TITULACIÓN
A materia Prácticum I está colocada no segundo curso da carreira e supón o inicio dun dos compoñentes fundamentais da formación dos mestres/as de Educación Infantil: o Prácticum.
Esta aproximación ao que é o traballo real en escolas infantís continuarase no Prácticum II de 3º curso, e no Prácticum III de 4º curso. Os tres momentos de prácticas en centros escolares, cada un deles cos seus propios obxectivos, constitúen unha secuencia que debe proporcionarvos un coñecemento cada vez máis profundo sobre a escola infantil e as súas dinámicas. Digamos, por tanto, que o Prácticum I está estreitamente vinculado co Prácticum II e co Prácticum III e debe constituír con eles unha unidade formativa coherente e progresiva, orientada sempre a propiciar unha correcta integración entre as aprendizaxes
3 académicas obtidas na Facultade e a experiencia máis práctica e profesional obtida nas escolas.
O Prácticum I abre ese ciclo cunha primeira achega ás escolas que permita comprender mellor como son as/os profesionais da Educación Infantil e as escolas nas que traballan;
como son os nenos e nenas e como se desenvolven na vida cotiá das aulas; como funciona, en xeral, o sistema de atención aos nenos e nenas pequenas e ás súas familias. Nos sucesivos Prácticum do terceiro e cuarto cursos, este primeiro contacto irase ampliando e especializando en aspectos máis específicos da actividade profesional dos mestres e mestras de Educación Infantil.
Esa relación vertical e secuenciada entre os diversos Prácticum que vai do máis xeral ao máis específico e técnico, compleméntase cunha relación horizontal entre cada Prácticum e as materias que o rodean, as cales ofrecen as bases para saber ler e comprender o que ides ver nas escolas. A gran finalidade do Prácticum é permitir o establecemento dese proceso de enriquecemento mutuo entre o que se aprende nas clases universitarias (que axudará a ler e comprender mellor o que acontece nas escolas infantís) e o que se vive e experimenta nos centros de prácticas (que vos axudará a entender mellor o que as/os profesores universitarios explicamos nas clases). Por ese motivo queremos recalcar o importante que resulta que nos vosos informes finais dos Prácticum vinculedes o que vedes e facedes nas prácticas, co que estudades nas diferentes materias da carreira.
Con esta intención expoñemos a continuación unha breve síntese do sentido formativo (orientado á práctica do maxisterio na Educación Infantil) das distintas materias que se relacionan con este Prácticum I, é dicir, as do primeiro curso que xa cursastes, e as do 2º curso que estades cursando neste primeiro semestre, ou que cursaredes no próximo semestre. A saber1:
• Socioloxía da educación. Trátanse as relacións da escola co contexto social amplo, e máis especificamente co contorno social próximo. Dun xeito máis concreto trabállase a influencia da familia e dos medios de comunicación como instancias socializadoras fundamentais na sociedade actual.
• Infancia, familia e escola. Trabállanse as implicacións dos conceptos familia e infancia desde as dimensións histórica e antropolóxica, poñendo o acento na época contemporánea. Tamén se analiza a interacción dos construtos familia e infancia coa educación formal, non formal e informal, e introdúcense as bases imprescindibles para unha acción titorial na Educación Infantil, tanto co alumnado como coas súas familias.
1 Hai que advertir que as materias do primeiro semestre de 2º curso directamente achegaranvos contidos e favorecerán aprendizaxes que traballaredes experiencialmente na fase de estadía do Prácticum e, ao tempo, esa bagaxe práctica que ides adquirir nos centros de prácticas (e que reflectiredes e reflexionarades no correspondente informe final da materia) será directamente empregada como materia básica de traballo para aprender novos contidos en varias das materias do segundo semestre; é dicir, que o informe final de Prácticum que cada unha de vós elabore no primeiro semestre tamén o empregará como material didáctico no segundo semestre. En calquera caso, o profesorado de cada unha das materias ofreceravos no seu momento indicacións máis concretas ao respecto.
4
• Psicoloxía do desenvolvemento (0-3 anos). Realízase un percorrido descritivo das pautas evolutivas primordiais durante a primeira infancia. Establécense os logros principais que deben ser consolidados ao longo desta etapa evolutiva nas diversas dimensións do desenvolvemento (físico, psicomotor, perceptivo, cognitivo, lingüístico, socioafectivo e de personalidade), co fin de que a mestra ou mestre coñeza a pauta normativa de evolución e desenvolvemento, e dese xeito poida: a) establecer obxectivos educativos e actividades coherentes coas capacidades e necesidades do alumnado, b) recoñecer a diversidade individual, e c) identificar os indicadores de risco para a detección precoz de problemáticas do desenvolvemento.
• Teoría e institucións contemporáneas de Educación Infantil. Trabállanse as teorías e prácticas máis relevantes da Educación Infantil desde o século XVIII ata os nosos días, identificando as e os autores máis relevantes no contexto occidental e as experiencias pedagóxicas máis coñecidas. Ao tempo menciónanse as entidades de educación formal, non formal e informal que ao longo dese tempo caracterizaron e caracterizan a diversa acción pedagóxica dirixida á Educación Infantil.
• Didáctica e profesión docente. Trátanse cuestións relacionadas co sentido xeral da Educación Infantil, coas necesidades básicas da infancia e os modos en que estas poden ser satisfeitas pola escola, coa visión do neno que debe orientar a intervención educativa e co papel do mestre/a e das funcións que lle corresponde desempeñar segundo determinan a LOE e a LOMCE.
• Psicoloxía do desenvolvemento (3-6 anos). Continuación de todos os obxectivos e contidos sinalados anteriormente para a materia Psicoloxía do desenvolvemento (0-3 anos), pero neste caso orientados ás crianzas que se atopan no intervalo de idades 3-6 anos.
• Psicoloxía da educación. A aplicación coherente dos principios da psicoloxía á práctica educativa é pertinente para a comprensión e implementación dos procesos de ensino- aprendizaxe e a educación en xeral. Dado o carácter aplicado desta área de coñecemento, moitas das formulacións derivadas da investigación e os diferentes modelos teóricos van ter a súa incidencia tanto na didáctica (función docente) como nos diferentes contextos no que se desenvolve o neno ou nena (familia, escola, etc.). O afondamento no coñecemento do suxeito da educación, tanto na vertente intrapersoal (é dicir, as variables cognitivas -intelixencia, atención, memoria-, as variables afectivas -motivación, autoconcepto e autoestima-, a interacción entre ambas -estilos cognitivos e estilos de aprendizaxe-), como na vertente interpersoal (as interaccións no proceso de ensino/aprendizaxe), suporá un dos piares básicos na formación do mestre ou mestra.
• Observación e análise: suxeitos e procesos educativos. Trabállanse cuestións vinculadas coa observación, reflexionando sobre a importancia que esta ferramenta ten no contexto educativo á hora de planificar, avaliar, investigar e detectar necesidades. Neste senso, estúdanse as principais características da observación, os diferentes modelos, as fases do proceso observacional, os procedementos e técnicas de rexistro, etc., cuestións varias que son de grande importancia no labor profesional cotián do mestre ou mestra de
5 Educación Infantil e coas que o alumnado se poderá ir familiarizando a través dos Prácticum.
• Infancia, saúde e alimentación. Trátanse cuestións relacionadas coa saúde en termos xerais, a promoción e educación para a saúde e a adquisición por parte do alumnado de hábitos de vida saudables. Faise especial fincapé na presentación daqueles conceptos vinculados coa alimentación e a nutrición que favorecen a capacitación dos futuros mestres/as para a elaboración de menús infantís saudables nos comedores escolares.
• Dificultades de aprendizaxe e trastornos do desenvolvemento. Trabállanse aspectos relacionados coa identificación das dificultades de aprendizaxe e dos trastornos do desenvolvemento, e búscase sobre todo o coñecemento dos seus signos temperáns, así como aquelas variables individuais, sociais, familiares, e contextuais asociadas a eles.
Vincúlase este coñecemento á necesidade de favorecer a implementación de programas de optimización evolutiva e de prevención, para dinamizar o desenvolvemento do alumnado na aula de Educación Infantil.
• Deseño e desenvolvemento curricular. Trabállase o currículo oficial da etapa de Educación Infantil, os compoñentes da planificación didáctica, así como os recursos e estratexias encamiñadas á elaboración da programación de aula, e máis concretamente ao deseño de unidades didácticas para implementar con crianzas na etapa infantil.
• Proxectos e innovación na aula. Preténdese que o alumnado sexa capaz de analizar e deseñar proxectos didácticos para o primeiro e segundo ciclos de Educación Infantil. O obxectivo principal é dotar ao alumnado dos coñecementos, habilidades e destrezas necesarias para realizar unha planificación didáctica a partir da metodoloxía de traballo por proxectos, tanto globalizados como interdisciplinares, axustados ás necesidades, intereses e características dos nenos e nenas da etapa infantil.
• Organización e xestión da aula. Perséguese a adquisición por parte do alumnado de estratexias de intervención educativa, tanto no primeiro como no segundo ciclos de Educación Infantil. O obxectivo principal é dotar ao alumnado dos coñecementos, habilidades e destrezas necesarias para poder observar, intervir e reflexionar sobre os contextos e os procesos de ensino e de aprendizaxe, cunha actitude ética de respecto á infancia.
• Organización e xestión do centro escolar. Achéganselle ao alumnado pautas para a identificación das principais características, e dimensións de análise, dun centro escolar.
Asemade preténdese que a/o estudante adquira unha visión global do centro educativo como un todo e non como unha acumulación de espazos parcelados inconexos. Inténtase ademais que o alumnado coñeza os principais documentos do centro que rexen a súa organización e xestión. Por último, considéranse cuestións relacionadas coa avaliación da organización e xestión educativas, como vía para a mellora da calidade dos centros. En definitiva, trátase de afondar nos modelos e tipoloxías de centros educativos segundo determina a lexislación vixente LOE/LOMCE.
6
• Observación e análise: escola e contexto. Trátanse cuestións referidas ao contorno e á súa relación cos centros escolares, así como a incidencia dos contextos social e familiar no proceso educativo. Procúrase que o alumnado domine as técnicas e estratexias de observación, recollida e interpretación de datos e sexa capaz de deseñar correctamente informes de investigación da observación que pon en relación a escola e os distintos contextos.
• Escola inclusiva e necesidades educativas especiais. Nesta materia trátanse as necesitades educativas especiais que están presentes na realidade educativa, e que o estudantado vai coñecer e recoñecer a través da súa estadía no Prácticum. Faise fincapé na documentación educativa referida a atención á diversidade, e trabállanse os distintos trastornos do desenvolvemento normativo, concretados en necesidades educativas que son tratadas desde o centro e, especificamente, no contexto aula.
• Procesos de mellora e uso das TIC. Desenvólvense aspectos relacionados co uso educativo das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, e estúdase como poden mellorar ou complementar diversos aspectos do proceso de ensino-aprendizaxe.
Analízanse diferentes recursos, ferramentas e medios tecnolóxicos e audiovisuais, que poden ser empregados polos mestres/as de Educación Infantil para contribuír á adquisición das competencias básicas por parte dos nenos/as desta etapa, e tamén como poderosa canle de comunicación e colaboración coas familias.
• Aprendizaxe da lingua oral. Desenvólvense contidos referidos á fixación de etapas adquisitivas no desenvolvemento da linguaxe infantil, trátase a presenza das linguas no marco lexislativo vixente, e considérase (no deseño de actividades escolares) a aplicación dos conceptos básicos manexados no eido do ensino e aprendizaxe de linguas.
3. OBXECTIVOS E COMPETENCIAS
3.1. Obxectivos
Obxectivos referidos ao saber (coñecementos teóricos):
• Identificar as tarefas que realiza o profesorado de Educación Infantil e os problemas prácticos que se lle presentan no desenvolvemento da súa profesión, así como as estratexias que adoita empregar e aquelas outras que debe idear para resolvelos.
• Identificar o estilo docente da mestra ou mestre, observar como ese estilo se reflicte na práctica diaria e relacionalo cos distintos modelos didácticos explicados.
• Identificar algunhas das características psicoevolutivas dos nenos e nenas de Educación Infantil nos distintos ámbitos do desenvolvemento, podendo establecer a adecuación do seu nivel evolutivo.
Obxectivos referidos ao saber facer (procedementos, habilidades, etc.):
• Analizar os documentos que empregan os docentes para a planificación curricular (unidades didácticas, proxectos, planificación de recunchos e obradoiros, adaptacións curriculares) e a relación destes co currículo oficial de Educación Infantil da Comunidade Autónoma de Galicia.
7
• Observar sistematicamente e analizar a organización do ambiente de aprendizaxe da aula tendo en conta a distribución do espazo e dos materiais, a organización temporal e a secuencia de actividades en relación cos recursos didácticos que se empregan.
• Observar o nivel de implicación dos nenos e nenas nas distintas actividades, así como os diferentes estilos de interacción da mestra ou mestre.
• Aplicar os diferentes instrumentos e pautas de observación que se traballaron nas materias do curso pasado e no actual.
• Ir asumindo colaborativamente e con responsabilidade o rol de mestra/e de Educación Infantil, en función das posibilidades da aula na que se desenvolva a estadía e coa intención de iniciar a posta en práctica das aprendizaxes acadadas na Facultade ata o momento.
Obxectivos referidos ao saber ser (actitudes, valores e normas):
• Valorar as vivencias e os sentimentos que suscita a permanencia da alumna/o no centro educativo e a súa evolución persoal, reflexionando verbo do papel como aprendiz de mestra ou mestre e observando o seu propio proceso de socialización profesional ao longo do período de estadía.
• Describir e interpretar a súa propia biografía escolar identificando as crenzas e teorías persoais implícitas incorporadas a partir das experiencias escolares vividas, reflexionando sobre a influencia que exercen nas accións docentes que emprende, na súa visión da profesión e na súa interpretación da realidade observada.
• Amosar unha actitude ética e de compromiso coa infancia e coa profesión docente.
3.2. Competencias
Todo o conxunto de obxectivos e competencias adscritas ao Prácticum I que figuran no programa da materia poderían resumirse nas seguintes cinco liñas de traballo formativo.
Poderíamos así dicir que ides aos centros de Prácticum para:
• Liña 1. Coñecer desde dentro como é e como funciona unha escola infantil. Esta liña de traballo integra o sentido básico do Prácticum, isto é, poñer en contacto aos futuros mestres/as de Educación Infantil con contextos profesionais reais. Recóllense nesta liña de traballo os obxectivos da materia referidos ao saber e algúns dos referidos ao saber facer, así como as competencias G1 e E59 adscritas ao Prácticum I.
• Liña 2. Iniciarse no deseño e posta en práctica (primeiro observando e despois colaborando co titor/a) de actividades e propostas educativas adaptadas ás necesidades e características das/dos nenos pequenos. Esta segunda liña de traballo no Prácticum recolle o proceso de inserción que cada un de vós debe desenvolver neste primeiro período de prácticas. Tras unha primeira fase de adaptación observando o que fai a mestra ou mestre pásase a unha nova fase na que se espera que colaboredes activamente e vos involucredes de xeito intenso no traballo da aula con iniciativas que se axusten ás necesidades dos nenos e nenas e ao proxecto educativo que se desenvolve na aula. Nesta liña recóllense parte dos obxectivos referidos ao saber facer, así como as competencias G2, G4 e E63.
8
• Liña 3. Habituarse a recoñecer, analizar e mediar educativamente en condutas infantís pertencentes a ámbitos como a hixiene, a linguaxe, a relación interpersoal, etc. Na terceira liña de actuación sitúanse as actuacións máis frecuentes nas que unha estudante de segundo curso pode e debe implicarse durante as prácticas. O seu esforzo debe estar dirixido a saber analizar o que acontece e intervir naquelas situacións máis accesibles.
Cabe salientar que o importante non é tanto o feito mesmo de intervir (que se recolle na liña 2), senón seguir o proceso completo de recoñecer-analizar-intervir para que a actuación desenvolvida teña sentido. A maior parte dos obxectivos e moitas das competencias adscritas a esta materia converxen nesta liña de traballo: G4, G6, G8, E65, T2.
• Liña 4. Aprender a desenvolver un ollar analítico, reflexivo e crítico sobre as diversas situacións vividas durante o Prácticum e saber relacionalo co aprendido na Facultade.
Esta liña resulta fundamental para que o Prácticum acade os seus propósitos formativos.
A experiencia vivida pode quedar nunha forte emoción positiva de satisfacción polo contacto cos nenos e nenas e polo mesmo feito de saír da universidade para incorporarse a unha escola real. Converter a experiencia en aprendizaxe require desta capacidade reflexiva que permita relacionar o que se está vivindo e aprendendo nas prácticas, co que se estudou nas materias ou o que recolle a literatura especializada.
• Liña 5. Mellorar o coñecemento dunha ou dun mesmo e o propio estilo de traballo, así como a capacidade de narrar a propia experiencia e render contas dela a través do diario e da memoria de prácticas. Finalmente esta liña de traballo constitúe unha das achegas principais do Prácticum: a posibilidade de coñecerse mellor cando unha/un mesmo está nun contexto profesional (como nos sentimos fronte aos nenos/as e as súas demandas, fronte aos conflitos, fronte á nosa propia inseguridade, etc.). Pero, novamente, non serve só sentir. Temos que ser capaces de codificar a nosa experiencia, convertela nunha narrativa que combine descrición, análise, reflexión, reconstrución.
Todas as competencias básicas poden incluírse nesta liña (B1, B2, B3, B4, B5), e tamén a G11, T3 e T4.
4. CONTIDOS
Partindo dos contidos que figuran no programa da materia e tendo en conta as liñas de traballo ás que nos acabamos de referir, temos elaborado unha Guía de observación que vos axudará a recoller información dun xeito máis sistemático e a orientar as reflexións ao redor dos contidos que se consideran máis relevantes. Esa guía de observación, que se inclúe ao final deste documento, está estruturada en cinco apartados que, de facto, constitúen en si mesmos os verdadeiros contidos da materia, a saber:
1. O contorno sociocultural da escola e a propia escola:
• Características básicas e recursos.
• Influencia no ambiente de aprendizaxe.
2. Os nenos/nenas e as súas familias:
• Datos xerais do alumnado da clase.
• Características psicoevolutivas.
9
• Implicacións destas características no ambiente de aprendizaxe.
• Características das familias.
3. A aula: o ambiente de aprendizaxe:
• Dimensión física (infraestrutura da aula).
• Dimensión funcional (actividades e metodoloxía).
• Dimensión temporal (organización do tempo).
• Dimensión relacional (relacións e interaccións).
4. As mestras e mestres de Educación Infantil:
• Datos de identificación da mestra/e.
• Metodoloxía de traballo da mestra.
• Historia de vida profesional.
• As titorías e a relación coas familias.
5. Vós mesmas como mestras ou mestres:
• A importancia da historia escolar persoal.
• A dimensión afectiva do Prácticum.
• O Prácticum como experiencia de vida e de autocoñecemento.
A resposta a todas as cuestións propostas na guía de observación constitúe o material básico para a elaboración do informe final ou memoria de prácticas. É importante que durante as fases de seguimento e reflexión solicitedes o apoio do supervisor ou supervisora para que vos achegue orientacións máis precisas sobre aqueles aspectos para cuxa resolución necesitedes axuda.
5. ACTIVIDADES
As actividades a desenvolver durante o Prácticum teñen como marco de referencia as cinco liñas de traballo formativo ás que nos referimos no apartado 3.2., onde indicábamos as competencias a desenvolver durante o Prácticum. Algunhas desas liñas de actuación concrétanse na guía de observación e outras precisarán doutros escenarios e instrumentos para ser desenvolvidas. A continuación expoñemos novamente as liñas de traballo, pero agora en relación coas tarefas que implican e cos instrumentos que se empregarán para recollelas no informe final de Prácticum:
Liñas de traballo Tarefas Instrumentos
Liña 1
Coñecer desde dentro como é e como funciona unha escola infantil.
- Observación directa.
- Colaboración nas tarefas da aula.
- Conversas coa titora ou titor. - Guía de observación.
Liña 2
Iniciarse no deseño e posta en práctica (primeiro observando e despois
colaborando co titor/a) de actividades e propostas educativas adaptadas ás necesidades e características das/dos nenos pequenos.
- Observación directa.
- Colaboración nas tarefas da aula.
- Deseñar, en colaboración coa titora ou titor unha pequena proposta de actividade para levar a cabo cos nenos/as.
- Diario de prácticas.
Liña 3
Habituarse a recoñecer, analizar e mediar educativamente en condutas infantís pertencentes a ámbitos como a
- Colaborar coa titora nas rutinas da aula.
- Responsabilizarse progresivamente dalgunha tarefa (planificando coa
- Diario de prácticas.
- Anecdotario.
10
hixiene, a linguaxe, a relación
interpersoal, etc. titora ou titor as tarefas das que te podes ir encargando).
Liña 4
Aprender a desenvolver un ollar analítico, reflexivo e crítico sobre as diversas situacións vividas durante o Prácticum e saber relacionalo co aprendido na Facultade.
- Habituarse a reflexionar todos os días sobre as situacións acontecidas na aula e rexistrar estas reflexións no diario de prácticas.
- Diario de prácticas.
- Guía de observación.
Liña 5
Mellorar o coñecemento dunha ou dun mesmo e o propio estilo de traballo, así como a capacidade de narrar a propia experiencia e render contas dela a través do diario e da memoria de prácticas.
- Autoanálise da propia actuación, das emocións, sentimentos, contradicións, fortalezas e debilidades que vas observando na túa propia actuación.
- Diario de prácticas.
- Guía de observación.
Máis en concreto, o resultado de todas as actividades deberá recollerse nun INFORME FINAL DE PRÁCTICUM, que incluirá os seguintes exercicios obrigatorios:
1. Informe das observacións realizadas a partir da Guía de observación. Neste informe recolleranse todas as observacións realizadas, así como as reflexións delas derivadas. É importante que utilices a guía de observación como referencia e que recollas algunha información de todos os apartados da guía, pero non é necesario que profundes en todos os aspectos que se contemplan nela. O teu supervisor ou supervisora da Facultade, así como o titor ou titora do centro poderán orientarte na realización deste informe. O último apartado do informe, que se refire a ti mesma/o como mestra/e, debe traballarse en profundidade; trátase de que realices un exercicio de observación e reflexión sobre ti mesma, examinando as túas fortalezas e debilidades, o teu proceso de evolución durante a estadía, e todo aquilo que sentes que debes completar ou mellorar.
2. Diario de prácticas. Deberás realizar un diario da fase de estadía no centro de prácticas, un documento reflexivo no que irás recollendo as túas vivencias durante este período e, sobre todo, as túas reflexións ao redor de esas vivencias. Durante as fases de preparación, seguimento e reflexión o teu supervisor ou supervisora poderá orientarte sobre a redacción deste diario. Complementariamente ao anterior, e de xeito especial, neste exercicio poderías integrar tamén tres apartados a maiores:
• Unha reflexión sobre a túa historia escolar persoal. A partir das actividades realizadas na fase de preparación verbo deste aspecto, poderás recoller no diario unha reflexión sobre as pegadas que deixaron en ti as túas vivencias escolares, de que xeito te marcaron, e de que forma cres que condicionan a túa visión da escola e da profesión de mestra/mestre.
• Un anecdotario reflexionado, sobre sucesos interesantes ou incidentes críticos dos que ti foses protagonista ou testemuña, e que aconteceran no centro de prácticas durante o teu período de estadía alí.
• Unha reflexión ao redor dun tema da túa elección que estea relacionado coas túas vivencias na escola durante o período de estadía. Pode ser calquera tema, pero a reflexión debe estar contrastada e argumentada con referencias teóricas debidamente citadas e referenciadas.
11 3. Reflexión sobre as actividades conxuntas ou complementarias. Ao longo do semestre, a coordinación xeral do Prácticum e/ou o profesorado da materia, organizarán diversas actividades de formación relacionadas coa práctica profesional na Educación Infantil;
serán actividades complementarias, desenvolvidas en gran grupo (conferencias, mesas redondas, obradoiros, visitas, etc.), que se anunciarán no seu momento. O alumnado deberá asistir obrigatoriamente a estas actividades, e da mesma maneira deberá elaborar unha reflexión por escrito de cada unha delas, a integrar no informe final da materia. De partida xa se informa da realización de dúas actividades conxuntas no salón de actos o xoves 6 e o mércores 26 de outubro, ás 16:00 horas.
Cabe a posibilidade de que algún supervisor/a realice propostas de actividades complementarias opcionais (en todo caso, é imprescindible que a alumna ou alumno que pretenda concorrer á cualificación de matrícula de honra realice como mínimo unha destas actividades, á marxe dos tres exercicios que se citaron antes), que poderán integrarse con facilidade na estrutura de actividades antes presentada. Algunhas destas propostas serían:
• Participación nun foro ou blog da materia. Algún dos/das docentes podería crear un foro na plataforma virtual para que os alumnos e alumnas que directamente supervisa compartisen as súas vivencias e experiencias do Prácticum, subisen fotos das súas aulas, etc. En concreto, poderían incluír:
- Vivencias do primeiro día de estadía no centro.
- Fotografías das aulas (por suposto, con permiso do centro) e información sobre a súa organización.
- Aspectos relevantes sobre a metodoloxía didáctica e as actividades que se realizan, especialmente aquelas que puidesen resultar máis novidosas ou innovadoras.
- Reflexións sobre o último día de estadía no centro.
• Realización dunha recensión sobre un artigo e/ou libro de interese para a formación práctica das futuras mestras/es de Educación Infantil. Suxírese calquera dos materiais da bibliografía presente nesta guía docente, pero supervisor/a e alumno/a concretos poderán chegar a outros acordos.
• Presentación audiovisual reflexiva sobre toda a experiencia gañada nas diversas fases da materia.
O informe final da materia en ningún caso excederá as 50 páxinas de corpo de texto. Nesta cifra non se inclúen as actividades opcionais nin os anexos que sexan necesarios.
6. REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS E DOCUMENTAIS
6.1. Bibliografía básica
AAVV (1983). Como resolver conflictos en clase. Estrategias y técnicas para mantener la armonía en clase. Barcelona: CEAC.
AAVV (2007). Escola dos sentimentos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde). En liña: http://www.edu.xunta.es/ftpserver/portal/DXC/Sentimentos.pdf
AAVV (2007). Medrando sans. De bocado en bocado… de xogo en xogo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e
12
Consellería de Sanidade). En liña:
http://www.edu.xunta.es/ftpserver/portal/DXC/Experiencias_Web.pdf
AAVV (2007). O proceso de adaptación. E ti… vas á escola? Santiago de Compostela: Xunta de Galicia (Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e Consellería de Educación e
Ordenación Universitaria). En liña:
http://www.edu.xunta.es/ftpserver/portal/DXC/proceso/oproceso/proceso_adaptacion_
significado.pdf
Cherry, Clare (1987). Como mantener tranquilos a los niños. Barcelona: CEAC.
Díez, Carmen (1999). Un diario de clase no del todo pedagógico. Madrid: Rosa Sensat-Eds. de la Torre.
Domènech, Joan (2009). Elogio de la educación lenta. Barcelona: Graó.
6.2. Bibliografía complementaria
Agüera, Isabel (1998). Memorias de una maestra. Bilbao: Desclée de Brouwer.
Antón, Montserrat (2008, 2ª ed.). Planificar la etapa 0-6. Barcelona: Graó.
Arnaiz, Pere e Isús, Sofía (1997). La tutoría, organización y tareas. Barcelona: Graó.
Barlow, Michel (1978). Diario de un profesor novato. Salamanca: Sígueme.
Cela, Jaume e Palou, Juli (2005). Carta a los nuevos maestros. Barcelona: Paidós.
Chiva, Óscar e Martí, Manuel (coords.) (2016). Métodos pedagógicos activos y globalizadores. Conceptualización y propuestas de aplicación. Barcelona: Graó.
Ibarrola, Begoña (2010). Educar las emociones a través del cuento. Madrid: SM.
Imbermón, Francisco (coord.) (2005). Vivencias de maestras y maestros. Compartir desde la práctica educativa. Barcelona: Graó.
Loughlin, Catherine E. e Suina, Joseph H. (1987). El ambiente de aprendizaje. Diseño y organización. Madrid: MEC-Morata.
Majem, Tere e Ódena, Pepa (2007, 2ª ed.). Descubrir jugando. Barcelona: Octaedro.
Pennac, Daniel (2008). Mal de escola. Vigo: Xerais.
Porlán, Rafael e Martín, José (1998). El diario del profesor. Un recurso para la investigación en el aula. Sevilla: Díada.
Santos Guerra, Miguel Á. (1982). Yo te educo, tú me educas: crónica de una experiencia.
Madrid: Zero.
Scuola di Barbiana (1986). Carta a una maestra. Barcelona: Hogar del Libro.
Zabalza, Miguel A. e outros (2008, 2ª ed.). La calidad en la educación infantil. Madrid:
Narcea.
Zavalloni, Gianfranco (2011). La pedagogía del caracol. Por una escuela lenta y no violenta.
Barcelona: Graó.
6.3. Webgrafía básica
aliali.fabaloba.com Recursos diversos en galego para a Educación Infantil.
chirlomerlo.blogspot.com.es/ Blog dunha mestra e dous mestres, con recursos para a aprendizaxe da lectura e da escritura. Desde hai case 30 anos, o método Chirlo Merlo vén sendo todo un referente na aprendizaxe da lectoescritura en lingua galega a partir da pedagoxía Freinet.
innovarteinfantil.wordpress.com Blog de dúas mestras galegas de Educación Infantil, no que se atopan moitas novas de interese, reflexións e recursos para a aula.
www.edu.xunta.es Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xunta de Galicia.
13 www.educacion.gob.es Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, Gobierno de España. Na sección de profesorado/recursos podedes atopar interesantes recursos para Educación Infantil.
www.escolasinfantis.net A galiña azul, rede de escolas infantís de Galicia.
www.orellapendella.org Ditos, recitados e cancións infantís.
6.4. Webgrafía complementaria
www.amesa.gal/cancion-o-abecedario-de-magin-blanco A canción do abecedario galego, de Magín Blanco.
www.brinquedia.net A rede galega do xogo tradicional.
www.ceapa.es Confederación Española de Asociaciones de Padres y Madres de Alumnos.
www.consellodacultura.org/asg/instrumentos Os instrumentos musicais na tradición galega.
www.edu.xunta.es/webcentros Consulta de centros. Aplicación do web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
www.edugaliza.org O ensino galego na rede.
www.elordenadoreninfantil.blogspot.com Blog sobre o recanto do computador e as TIC en Educación Infantil.
www.escuelarural.net Un espazo colectivo desde e para a escola rural.
www.ite.educacion.es/w3/eos/RecursosFP/SSocioculComunidad/GradoSuperior/EducacionI nfantil/DIDACTICA/INDEX.HTM Didáctica da Educación Infantil, Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.
www.nova-escola-galega.org Movemento galego de renovación pedagóxica.
www.pontenasondas.org Proxecto educativo e de comunicación entre escolas galegas e portuguesas, con base na recuperación do patrimonio cultural.
www.preescolarnacasa.org A antiga Fundación Preescolar na Casa, espazos educativos.
www.sgep.org Seminario Galego de Educación para a Paz.
www.uhu.es/cine.educacion/cineyeducacion Cine e educación.
7. INDICACIÓNS METODOLÓXICAS E CARGA ECTS
O Prácticum I é unha materia que presenta unhas características especiais que non teñen as outras materias. Supón a vosa primeira inmersión na vida das aulas de Educación Infantil observando e analizando os aspectos máis relevantes e visibles da práctica profesional das mestras desta etapa e das institucións nas que exercen a súa profesión. Esta característica fai que sexa unha materia centrada no que se denomina "aprendizaxe experiencial". Estes procesos de aprendizaxe, como sinalan Oser e Baeriswyl (2001)2, caracterízanse por incluír cinco fases que condicionan a súa eficacia:
1. Preparación do plan de acción.
2. Realización da experiencia.
3. Construción do significado das accións levadas a cabo.
4. Xeneralización da experiencia.
5. Reflexión e contraste entre a experiencia vivida e o que di ao respecto a literatura especializada.
2 Oser, F.K. e Baeriswyl, F.J. (2001, 4ª ed.). “Choreografies of teaching: bridging instruction to teaching”. En V.
Richardson (ed.), Handbook of Research on Teaching. Washington: AERA, 1.031-1.065.
14 É dicir, noutras palabras, isto significa que:
1. É importante preparar ben a estadía antes de ir aos centros.
2. É necesario implicarse suficientemente nas accións desenvolvidas durante a estadía.
3. Debes buscar sentido ás cousas que vas facendo e vivindo durante esas semanas a través do diario de prácticas, das conversas cos titores/as, cos supervisores/as na Facultade, etc.
4. É importante que poidas ampliar e enriquecer a túa propia experiencia nas prácticas coas que viven/viviron os outros compañeiros/as e que podes compartir a través do correo-e, das conversas con eles, ou da posta en común nas fases de seguimento e reflexión.
5. É imprescindible que as túas reflexións sobre as experiencias vividas estean contrastadas co que di a literatura especializada. Para iso é preciso acudir aos apuntamentos ou documentos estudados nas materias da carreira, e tamén a outros libros e artigos da biblioteca ou documentos de internet, para aprender máis sobre algunhas cuestións que che irán xurdindo durante a estadía.
Axudarvos neste proceso de reflexión sobre a experiencia é o que pretendemos facer os profesores e profesoras supervisores/as encargados de titorizar as vosas prácticas, establecendo os mecanismos axeitados para que todo saia ben. Con esa intención, dividimos a materia do Prácticum en tres momentos básicos: antes (preparación), durante (actuación orientada pola mestra de clase) e despois (posta en común e avaliación). O calendario e horarios concretos deses tres momentos figuran explicitamente no programa da materia.
• Antes: a fase de preparación. Como xa dixemos, é importante preparar ben a estadía antes de ir aos centros. Esta fase desenvolverase na Facultade de Formación do Profesorado, aproximadamente ao longo do mes de outubro, baixo a supervisión das profesoras e profesores encargados desta tarefa, cada un co seu correspondente grupo de alumnado supervisado, aínda que algunhas das actividades poderían realizarse con todo o grupo de 2º curso conxuntamente. Das actividades realizadas durante este período é importante que vaias tomando nota nun diario; podes recoller descricións das actividades realizadas, e á par comentarios nos que inclúas as túas reflexións e valoracións. Concretamente os días que teremos actividade serán os seguintes xoves3: 6 e 13 de outubro (actividades conxuntas, entre 16:00 e 17:30 horas, no salón de actos), 20 e 27 de outubro e 3 e 10 de novembro (sesións de supervisión coa/co docente asignado, entre 15:30 e 17:30 horas, e na aula correspondente a cada grupo de alumnado).
• Durante: a fase de estadía nos centros e seguimento por parte dos supervisores/as.
Como é lóxico esta fase desenvólvese nos centros de prácticas baixo a orientación da titora ou titor da clase e do supervisor/a da Facultade. Durante o período de estadía nos centros irás desenvolvendo as actividades previstas nesta guía e aquelas que che encomende a túa mestra titora ou titor do centro de prácticas. Ao mesmo tempo o supervisor ou supervisora da Facultade realizará un seguimento do teu traballo, ben sexa a través de titorías presenciais na Facultade, ben sexa por medio da plataforma virtual, ou
3 Existe a posibilidade de que algún supervisor ou supervisora se vexa na obriga de modificar o horario dalgunhas clases de preparación e/ou reflexión de Prácticum I por colisionárenlle coas doutra materia que imparta. A/O docente afectado informará oportunamente ao alumnado que supervisa a fin de acordar un horario de clases alternativo sen merma nin da calidade nin do tempo de docencia.
15 por calquera outro medio que teñades acordado durante a fase de preparación. As actividades durante este período están dirixidas a acompañarvos na experiencia formativa que supón a estadía nos centros, tanto a nivel profesional como persoal.
A planificación e o programa de actividades a desenvolver durante a fase de seguimento serán responsabilidade de cada supervisor/a, que o comunicará ao seu alumnado durante as sesións de preparación.
Esta fase desenvolverase, con carácter xeral, nos meses de novembro e decembro e segundo o horario que teña establecido o centro de prácticas, pero a presenza da alumna/o alí nunca será inferior a 25 horas semanais. Cada profesor supervisor/a informará ao seu alumnado sobre o horario e o lugar das súas titorías, así como as canles que poderán utilizar as/os estudantes para contactar, entre tanto dure o período de estadía nos centros.
• Despois: a fase de reflexión. Finalizado o período de estadía nos centros, o luns 19 de decembro realizaremos unha sesión de reflexión na Facultade no horario e aula que a/o supervisor/a correspondente lle indique ao seu grupo de alumnado. Esta sesión desenvolverase tamén co profesorado da universidade e está pensada para poñer en común as experiencias vividas durante a estadía (durará un mínimo de 2 horas, e mesmo podería facerse unha sesión complementaria o día seguinte, a xuízo da supervisora ou supervisor). Durante a fase de seguimento cada supervisor/a acordará cos alumnos e alumnas o tipo de experiencias e análises que se poñerán en común durante a ou as sesións de reflexión.
A planificación de actividades durante esta fase tamén será responsabilidade dos supervisores/as, programa que lle será comunicado ao alumnado coa suficiente antelación a través das titorías de seguimento.
Nas xornadas de reflexión pode haber un espazo para a autoavaliación, se a/o supervisor o considera oportuno. Como orientación para levar a cabo esa análise, suxírese expoñer todo aquilo que se adquiriu durante o período de estadía:
- “O que aprendín” (que sei agora que non sabía ao comezar as prácticas).
- “O que aprendín a facer” (que habilidades e destrezas novas adquirín).
- “As crenzas, actitudes e/ou valores que me cuestionei, reafirmei, cambiei ou adquirín”.
Como acaba de indicarse, o alumnado irá transitando polas tres fases que configuran a materia, baixo a supervisión da/do docente que lle correspondera en función do centro de prácticas ao que acuda. Pero todo o proceso da materia vese anticipado por unha fase máis, non de perfil didáctico senón organizativo, cuxa responsabilidade é exercida pola persoa que desempeñe na Facultade as funcións de coordinación xeral de Prácticum. Nesta fase previa organizativa seguirase o seguinte proceso:
• O alumnado será convocado un día no salón de actos para recibir información sobre o calendario de actividades da materia, sobre os centros educativos de prácticas ofertados desde a Facultade, e sobre a posibilidade de escoller para a estadía un centro de fóra do concello de Lugo.
• Caso de escoller esta última opción, indicaránselle ao/á interesada os pasos a seguir: ficha de solicitude de centro, e data de devolución da ficha debidamente cuberta.
• Posteriormente, e tras anunciar publicamente a convocatoria, terá lugar unha nova reunión, para a elección de centro entre o alumnado que ten intención de desenvolver a
16 fase de estadía nalgúns dos centros ofertados pola Facultade, pero tamén para confirmar a elección de centro por parte do alumnado que pretende realizar a estadía fóra do concello de Lugo.
• A continuación, desde a coordinación xeral de Prácticum comunicarase, mediante información no taboleiro do curso correspondente, o centro e a supervisora ou supervisor que se lle adscribirán a cada alumna/alumno da materia.
• Paralelamente será enviada unha carta a cada centro educativo na que se informará dos datos do alumnado que desenvolverá alí a súa fase de estadía. Isto facilitaralle a organización ao propio centro, e ademais é o único procedemento que legaliza en cada centro o desenvolvemento da fase de estadía do alumnado anunciado.
• Finalmente terá lugar unha reunión na que se lle comunicará ao alumnado un conxunto de normas básicas de actuación e comportamento que deberá manter durante a fase de estadía nos centros educativos. Tamén se aproveitará ese momento para proporcionarlle certa documentación acreditativa que cada estudante entregará necesariamente no centro o primeiro día de estadía.
En definitiva, nesta fase organizativa o alumnado será convocado a 3 sesións (previsiblemente nos meses de setembro, outubro e novembro), máis unha sesión máis (informativa e preparativa) no mes de xuño anterior, sendo todas elas de asistencia obrigatoria.
Baixo ningunha circunstancia poderá iniciar a fase de estadía nun centro un alumno ou alumna que previamente non teña recibido a notificación pertinente por parte da coordinación xeral de Prácticum. Incumprir esta norma suporá a suspensión inmediata do desenvolvemento da estadía, cos correspondentes efectos avaliativos.
ATRIBUCIÓN DA CARGA ECTS Horas de
dedicación Actividades presenciais na Facultade, tanto en gran grupo, como en grupo
medio, ou en titorías académicas 12
Actividades presenciais no centro de Prácticum 145
Actividades de traballo autónomo (na casa, na Facultade ou no centro de
Prácticum) 143
Total 300
8. INDICACIÓNS SOBRE A AVALIACIÓN
8.1. Consideracións xerais
Para superar a materia o alumno ou alumna deberá:
• Asistir e participar nas sesións presenciais organizadas na Facultade durante as fases de preparación, seguimento e reflexión. Segundo indica a normativa da USC, é condición necesaria para superar as materias a asistencia a un mínimo do 80% das sesións
17 presenciais; polo tanto, non cumprir este requisito suporá a non-superación da materia na primeira oportunidade.
• Obter unha valoración positiva por parte do profesorado supervisor da Facultade, sobre as actividades realizadas nas fases de preparación, seguimento e reflexión.
• Asistir ao centro de prácticas durante todo o período establecido para a estadía do Prácticum I, cumprindo rigorosamente o horario, respectando as singularidades ou especificidades do centro e participando activamente en todas as actividades propostas polo titor ou titora. Por suposto a/o estudante deberá acadar unha valoración positiva desta fase de estadía.
• Entregar no día, hora e aula correspondentes ao exame final da materia (ver calendario de exames da Facultade) o informe final de Prácticum e/ou calquera outro traballo que se solicite por parte da/do supervisor, e obter neste apartado avaliativo unha valoración non inferior a 3 puntos. Os traballos poderán ser entregados con anterioridade á data indicada, no despacho da/do supervisor, sempre que este así o tivera comunicado.
As actuacións inadecuadas durante a fase de estadía suporán o cese inmediato do desenvolvemento desta fase e a súa non-superación por parte da alumna ou alumno implicado. Así e todo o titor/titora do centro poderá, se o entende pertinente, valorar o traballo observado ata esa data. Se a alumna/o sancionada o considera oportuno, poderá seguir asistindo ás sesións presenciais da materia na Facultade.
8.2. Dimensión cuantitativa da avaliación
A continuación detállase a avaliación cuantitativa da materia:
• Participación activa nas actividades de preparación, seguimento e reflexión (máximo de 1 punto). Obterase mediante as valoracións realizadas polo supervisor/a sobre cada alumna ou alumno, atendendo aos seguintes aspectos: actitude nas sesións, puntualidade, comportamento académico, implicación, realización puntual das tarefas encargadas e das xestións burocráticas das prácticas, participación activa e esforzo demostrados, intervencións orais, capacidade de escoita e respecto nas intervencións, etc.
• Realización axeitada das actividades e tarefas na aula do centro de prácticas (máximo de 3 puntos). A titora ou titor do centro educativo cubrirá un informe de avaliación sobre a alumna ou alumno en prácticas (que será posteriormente remitido ao supervisor/a da Facultade) e no que, entre outras cuestións a avaliar, a titora ou titor da aula terá en conta a asistencia, a puntualidade e a participación activa nas actividades propostas. Así mesmo, para a valoración deste apartado por parte do supervisor ou supervisora, e alén do informe do titor ou titora, tamén serán consideradas todas aquelas actuacións da/do estudante que evidencien irresponsabilidade pola súa parte durante a estadía no centro educativo; estas situacións serán presentadas, analizadas e resoltas na Comisión de Prácticum e Traballo de Fin de Grao da Facultade, sexa por petición da supervisión, da coordinación xeral de Prácticum -no caso de ter que dar voz aos centros educativos-, ou do alumno/a.
• Informe final de Prácticum (máximo de 6 puntos). Inclúe o informe das observacións realizadas conforme a guía de observación, e tamén o diario de prácticas. Na valoración desta memoria teranse en conta tanto o nivel de observación, análise e reflexión do
18 contido, como os cinco criterios habituais de calidade lingüística (gramaticalidade, cohesión, coherencia, adecuación e formato).
8.3. Recomendacións de cara á recuperación
O alumnado que non aprobe a materia na oportunidade de xaneiro por non acadar a asistencia mínima ás sesións presenciais na Facultade, ou por non obter unha valoración positiva no referente á súa implicación nas fases de preparación, seguimento e reflexión, para superar a materia na oportunidade de xuño-xullo deberá realizar os traballos que lle indique a súa supervisora ou supervisor.
O alumnado que non aprobe a materia por avaliación negativa da titora ou titor do centro ou por malas prácticas no centro durante a fase de estadía, non poderá presentarse á oportunidade de xuño-xullo, xa que non é posible a repetición da estadía ata o curso seguinte.
O alumnado que non aprobe a materia na oportunidade de xaneiro por non ter superado o apartado do informe final, poderá entregar un novo documento na oportunidade de xuño- xullo segundo a data, horario e aula que se indica no calendario de exames.
Con carácter xeral recoméndaselle a calquera estudante que non supere a materia, que acuda presencialmente os días de revisión de cualificacións que ofreza o docente supervisor/a, para coñecer directamente as cuestións que debe mellorar na seguinte oportunidade.
O alumnado de segunda convocatoria e posteriores (repetidor) deberá realizar novamente todas as actividades da materia, incluída a estadía nun centro, da mesma maneira que o resto de estudantes matriculados/as.
Nesta materia non se considera a exención de docencia.
8.4. Observacións respecto da avaliación
• Os traballos individuais ou grupais que se elaboren durante as distintas fases do Prácticum I deberán ser orixinais. A entrega dun traballo copiado suporá suspender automaticamente a materia.
• A memoria ou informe de prácticas debe seguir expresamente os criterios establecidos para a súa elaboración tanto no contido como na forma.
• Os lugares e datas de entrega deben respectarse ou informar con antelación ao supervisor/a de calquera dificultade que impida a entrega puntual dos traballos.
• O incumprimento das normas indicadas, tanto para o desenvolvemento das sesións presenciais como da fase de estadía nos centros, será motivo para a non-superación da materia.
• Matrículas de honra:
Poderá optar á cualificación “Matrícula de honra” o alumnado que obteña a máxima puntuación global e sexa proposto polo seu supervisor/a. De existir máis candidatos/as que matrículas de honra dispoñibles, a concesión desta distinción recaerá naquel alumnado que
19 obteña unha maior puntuación na avaliación das presentacións audiovisuais que figuran nesta guía docente como unha das actividades voluntarias que as/os estudantes poden realizar para a materia. As indicacións para realizar esta tarefa son as seguintes:
- O alumnado gravará unha presentación audiovisual na que sintetice a experiencia vivida no Prácticum.
- Nesta gravación debe concederlle especial atención aos seguintes aspectos:
• O relato e a reflexión sobre as principais dinámicas de aula e de centro nas que participou.
• As observacións máis relevantes sobre a vida de aula e as tarefas do profesorado reflexionando, a partir delas, sobre o aprendido e as ideas confirmadas ou mudadas durante a estadía no centro.
• Unha breve reflexión final sobre o aprendido neste Prácticum. Neste punto deberán incluírse cuestións vencelladas tanto co aproveitamento das sesións obrigatorias en gran grupo (conferencias, mesas redondas, coloquios, etc.) e das actividades voluntarias, como cos coñecementos adquiridos e as expectativas cumpridas ou non cumpridas unha vez rematada a materia.
- A duración da gravación será de 8 minutos como máximo.
- O vídeo editado terá que poder visualizarse co programa Windows Media Player. Isto non exclúe que o alumnado poida editar con Linux ou Mac, mais será preciso que verifique que a gravación pode ser reproducida no Player.
- A entrega realizarase subindo o arquivo creado ao curso virtual da materia (Campus Virtual da USC), concretamente na tarefa que levará o nome de “Presentación audiovisual”.
- A data límite da entrega desta actividade coincidirá co día fixado para o exame oficial da materia.
- Non será necesario manexar un programa de edición de vídeos (queremos dicir que se pode gravar cun teléfono intelixente, por exemplo), pois o principal obxectivo desta actividade non é o de amosar o dominio técnico das novas tecnoloxías, senón demostrar as capacidades que se citan no punto seguinte.
- Na avaliación teranse en conta os seguintes criterios:
• A capacidade comunicativa da alumna ou alumno.
• A claridade expositiva.
• A capacidade de síntese amosada.
• A solidez e coherencia da información exposta.
• A carga de traballo que implican as tarefas presentadas.
• O carácter persoal, orixinal e novidoso dos datos expostos.
• A capacidade de reflexión e de aproveitamento da experiencia vivida.
- No proceso de puntuación participarán todos os e as docentes que presenten candidatos/as a conseguir matrícula de honra e aqueles outros/as docentes da materia que o desexen.
- Cada membro do tribunal, unha vez visionadas e valoradas as exposicións audiovisuais, elaborará unha listaxe con tres candidatos/as merecedores dunha mellor cualificación, outorgándolles unha puntuación de tres, dous e un punto respectivamente. Non será posible repetir a mesma puntuación en diferentes candidatos/as.
- A continuación as persoas avaliadoras enviarán, no prazo estipulado, as súas cualificacións ao coordinador da materia, quen levará a cabo o reconto de valoracións e comunicará por correo electrónico o resultado final a todo o profesorado implicado.
- Outorgarase pois a cualificación de “Matrícula de honra” a aquel alumnado que obteña
20 unha maior puntuación total a partir das puntuacións parciais dos membros do tribunal.
- En caso dun empate que entorpeza o proceso de concesión procederase a unha nova votación. Nela puntuaranse tan só os alumnos/as que sexa necesario diferenciar. As pautas para a puntuación nesta segunda fase serán fixadas polos membros do tribunal.
• Datas de interese:
1. Entrega do informe final: 12 de xaneiro de 2017, no despacho da/do docente supervisor.
Ese mesmo día, o alumnado que pretenda optar á matrícula subirá a súa gravación ao curso virtual.
2. Cada supervisora ou supervisor comunicará ao coordinador da materia as súas candidaturas a matrícula de honra ata o xoves 9 de febreiro ás 14:00 horas. Nun curto prazo a coordinación trasladaralle ao profesorado supervisor a listaxe de alumnado que opta a matrícula de honra.
3. A data límite para que o profesorado que presenta alumnado con matrícula de honra avalíe as gravacións colgadas -só as que non son do seu alumnado- e comunique a través do correo electrónico as súas cualificacións ao coordinador da materia será o luns 13 de febreiro ata as 14:00 horas. Nun curto prazo a coordinación transmitiralle ao profesorado supervisor a listaxe de alumnado que finalmente recibirá matrícula de honra, a fin de que cada supervisor/a incorpore esa cualificación á aplicación de actas, se é o caso. Tamén será responsabilidade do profesorado supervisor contactar co seu alumnado candidatado para comunicarlle a resolución do tribunal.
4. No caso de que algún ou algunha docente implicada non tivera enviado á coordinación de materia o luns 13 de febreiro ás 14:00 horas as citadas cualificacións, desde a coordinación retiraranse as candidaturas do alumnado presentado por esa ou ese docente.
9. OBSERVACIÓNS FINAIS
Non fagades NUNCA fotografías nin gravacións das crianzas salvo que teñades autorización explícita por parte do centro ou da titora. Da mesma maneira non se poden difundir outro tipo de datos ou informacións relativas ás nenas/nenos, á súa identidade, ás súas familias, ou ao persoal dos centros.
O/A estudante que precise algún tipo de adaptación ou apoio específico por características de NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo) deberá solicitalo ao profesorado, pero só se terán en conta a estes efectos aqueles casos que teñan sido valorados e informados previamente polo servizo da USC competente para estas circunstancias (SEPIU, Servizo de Participación e Integración Universitaria: www.usc.es/gl/servizos/sepiu).
21
PRÁCTICUM I:
vida de aula e tarefas do profesorado
Grao en Mestra/Mestre de Educación Infantil Ano académico 2016-17
GUÍA DE OBSERVACIÓN
Profesorado supervisor:
Francisco Xosé Candia Durán (coord.) María del Pilar Fernández Fernández María Lina Iglesias Forneiro Carmen Sarceda Gorgoso Coordinadora do Prácticum da titulación:
Montserrat Pena Presas Facultade de Formación do Profesorado
Av. Ramón Ferreiro, s/n 27002 LUGO Tfno. 982 821005 Fax 982 821057
22 INTRODUCIÓN
O obxecto desta guía de observación é axudarche a recoller información dun xeito máis sistemático sobre distintos aspectos do ambiente de aprendizaxe da aula e das tarefas docentes. A guía é só unha ferramenta de axuda porque non se trata de que te limites a recoller información sen máis. O importante é que, a partir da información obtida realices unha reflexión crítica das implicacións que teñen as características observadas no ambiente de aprendizaxe da aula, no desenvolvemento da profesión docente e, especialmente, no proceso educativo dos nenos e das nenas.
É dicir, as observacións realizadas fixéronche pensar en aspectos da aula e da actuación docente nos que non pensaras antes? Que conclusións extraes dos datos que recolliches?
Cales foron as principais dificultades coas que te atopaches para realizar a observación? Que dúbidas, limitacións, curiosidades... che xurdiron? A que cuestións ou preocupacións che gustaría que désemos resposta nas sesións de reflexión?
Para formalizares mellor as preguntas que te debes facer no Informe Final de Prácticum e as súas correspondentes respostas, a continuación recóllense os aspectos fundamentais que podes observar en cada unha das dimensións do ambiente/proceso a analizar, referentes ao teu centro de prácticas e á aula na que realizaches a estadía4.
1. O CONTORNO SOCIOCULTURAL DA ESCOLA E A PROPIA ESCOLA
As nenas e nenos que van á escola pertencen a un determinado territorio que lles dá forma e os envolve. Son fillos dos seus pais pero tamén son fillos do territorio e do contexto no que viven: pola alimentación, polas pautas de crianza, pola linguaxe, polos hábitos, polas formas de relación, polos recursos de que dispoñen os seus pais, etc. Resulta difícil pensar que podemos entender como son os nenos e nenas se non comezamos a análise polo contexto onde naceron. Algunhas preguntas importantes neste apartado poderían ser:
• Cales son os trazos fundamentais do contorno no que se localiza a escola?
• Que o caracteriza e, ao mesmo tempo, o diferencia doutros contextos?
• Que necesidades básicas cabería salientar dese contorno?
• Que recursos do contorno poderían ser empregados desde a escola?
• Como cres que condicionan as características dese contorno a organización do ambiente de aprendizaxe na aula?
2. OS NENOS/NENAS E AS SÚAS FAMILIAS
4 Para ampliar a información desta guía e realizar sistematicamente a observación no centro, podes tomar como referencia os diferentes documentos da profesora Lina Iglesias traballados na materia Organización e xestión da aula: “O ambiente de aprendizaxe. Claves para a súa análise, deseño e organización”, “Guía para a avaliación do ambiente de aprendizaxe”, “Observación y evaluación del ambiente de aprendizaje en Educación Infantil: dimensiones y variables a considerar”.
23 Coñecer como son os nenos e as nenas e as súas familias son elementos básicos a considerar neste primeiro período do Prácticum. Trátase de revisar aspectos xenéricos que vos permitirán confrontar a praxe coa teoría estudada o curso pasado en materias como Psicoloxía do desenvolvemento, Infancia, familia e escola, Didáctica e profesión docente ou Socioloxía da educación. De xeito xeral, ao rematar o período de estadía deberiades estar en condicións de responder cuestións como:
• Datos xerais do alumnado da clase: número, idade, sexo, cohesión do grupo, procedencia familiar, casos de integración, etc. Trátase de facer unha radiografía xeral do grupo. Se forman parte del nenos/as con características especiais, sería interesante que fixeras unha mención particular a eles/as, e ao seu nivel de inclusión/integración na aula.
Por suposto, sempre sen ofrecer datos de identidade deses pequenos/as.
• Características psicoevolutivas: observar o nivel de desenvolvemento psicomotor, perceptivo, cognitivo, lingüístico, de aprendizaxe lectoescritora e numérica, e socioafectivo do grupo de pequenos e pequenas, pero sobre todo como se estimula na aula. Trátase de facer unha radiografía xeral do nivel madurativo do conxunto do alumnado, e das actividades didácticas que o favorecen. Para realizardes esta observación podedes tomar como referencia os contidos das materias de psicoloxía do desenvolvemento do primeiro curso5.
• Implicacións destas características no ambiente de aprendizaxe da aula e no proceso educativo dos nenos e nenas. E en xeral, cal é o nivel de implicación dos nenos e nenas nas tarefas que se desenvolven na aula?6
• Características das familias: como son, en termos xerais, as familias que levan os seus fillos/as ao teu centro de prácticas (nivel socioeconómico e cultural, modelo educativo e pautas de crianza que aplican aos seus fillos, participación na escola, etc.)7?
3. A AULA: O AMBIENTE DE APRENDIZAXE
Despois de coñecer o contorno, as nenas e nenos e as súas familias, centramos a mirada na aula e no ambiente de aprendizaxe que alí se xera. Todo o que analizamos anteriormente sobre o contexto e sobre as crianzas tamén nos vai axudar a entender o que acontece na aula. A aula é o espazo onde os nenos e nenas de Educación Infantil pasan a meirande parte do seu tempo; xusto por ese motivo debería ser un lugar agarimoso e funcional. Tal como
5 En todo caso, a fin de encamiñar xa a vosa observación destas características nos nenos e nenas, podedes empregar a guía elaborada pola profesora Pilar Fernández que figura como anexo a este documento (“Orientacións para a observación das actividades de aula que estimulan as dimensións madurativas do alumnado de educación infantil”).
6 Para elaborar este apartado podedes consultar os ítems que figuran na “Guía de observación do ambiente”
que traballastes na materia Organización e xestión da aula. Nese documento atoparedes unha escala de observación sobre os niveis de implicación das e dos escolinos nas tarefas.
7 Para responder estas cuestións fixádevos en como é o territorio de onde veñen os nenos/as, as características socioculturais e económicas das familias, os sistemas de produción, os recursos, etc. Lembrade tamén o estudado nas materias do curso pasado, especialmente en Socioloxía da educación e en Infancia, familia e escola.
24 traballastes na materia Organización e xestión de aula, realizaredes a observación do ambiente de aprendizaxe da aula atendendo a catro dimensións: a física, a funcional, a temporal e a relacional. En concreto:
• Dimensión física (infraestrutura da aula). Trátase de facer unha descrición da organización espacial da aula e da distribución do mobiliario e os materiais. Estaría ben realizar un plano da aula e indicar as dimensións do espazo, como está distribuído o mobiliario e os materiais, etc. Que opina a mestra/e sobre o ambiente de aprendizaxe da súa aula? Por que a organizou deste xeito? É importante que preguntes explicitamente á mestra sobre a organización da aula e que che explique as razóns que a fundamentan.
Tendo en conta o que sabes sobre como organizar unha aula, tamén podes suxerir alternativas organizacionais. En calquera caso é importante que fagas unha reflexión sobre este aspecto.
• Dimensión funcional (actividades e metodoloxía). Descrición de como se utilizan os distintos espazos, polivalencia e tipo de actividades que se desenvolven neles, a metodoloxía predominante (unidades didácticas elaboradas polo equipo docente, método de fichas dunha editorial, método de pequenos proxectos, recantos, obradoiros, etc.), o modelo de avaliación (que, como e cando se avalía). Analiza dun xeito detallado:
- Tipo de actividades centrais da xornada (aquelas que a mestra planifica en torno a un proxecto, unidade didáctica ou centro de interese). Que tipo de actividades son:
reprodución, experimentación, etc.? Que tipo de aprendizaxes desenvolven as crianzas realizando esas actividades? Que fan os nenos e nenas nos distintos espazos da aula?
Hai recantos? Como se utilizan? Se observas as áreas do deseño curricular, que actividades se desenvolven de cada área? Cales son as actividades que se levan a cabo todos os días? Houbo actividades especiais como saídas, festas, obradoiros, etc.?
Estaban integradas na programación da aula?
- Cales son e que din os documentos programáticos da aula. A mestra ten algún tipo de programación? Que di? Como é esa programación? Fai unha comparación co que estudaches nas materias Deseño e desenvolvemento curricular e Proxectos e innovación na aula.
- Anécdotas ou incidentes críticos. Houbo algún incidente crítico ou anécdota que che chamara especialmente a atención? Nese caso, podes recoller ese acontecemento e facer unha reflexión pedagóxica sobre el.
• Dimensión temporal8 (organización do tempo). Como se organiza a xornada escolar un día normal? Cales son os distintos “momentos” de actividade? Que actividades, espazos e recursos se empregan nos distintos momentos da xornada? Cal dirías ti que é o “ritmo”
da aula (relaxado, calmo ou agoniante)? Cales che parece que son os factores que inflúen nese ritmo?
• Dimensión relacional (relacións e interaccións). Describe de forma xeral que tipo de relacións se establecen na aula. Cales son os distintos modos de acceder aos espazos nos
8 A dimensións física, funcional e temporal podes unilas nunha única descrición se o desexas, de tal xeito que deixes claro: que se fai (dimensión funcional), cando se fai (dimensión temporal) e onde se fai (dimensión física). Neste caso, despois de facer esta descrición máis obxectiva do que acontece na aula, podes dar resposta aos outros aspectos de maneira conxunta.