CLAUSTRO UNIVERSITARIO
RESUMO DA ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO 18 DE NOVEMBRO DE 2014
NOTA: recóllense con iniciais os nomes propios que non forman parte dos acordos ou informes agás os de aqueles membros do Claustro que solicitaron expresamente que aparecera o seu nome completo.
Sendo as 10.15 horas do dezaoito de novembro de dous mil catorce e en segunda convocatoria, celébrase a sesión ordinaria do Pleno do Claustro no salón de actos da Facultade de Psicoloxía, presidida polo Sr. reitor e coa a presenza dos membros que figuran e asinan como asistentes no addendum I unido á presente acta, para abordar os puntos da
ORDE DO DÍA:
1. Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior 2. Informes do Sr. reitor
3. Informe sobre o Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio
4. Propostas para a implementación, a actualización e o seguimento, e ratificación do Plan Económico Financeiro de Reequilibrio
5. Aprobación das Liñas Xerais da Programación Plurianual 6. Aprobación das Liñas Xerais dos Orzamentos
7. Rogos e preguntas
1) Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior
Tratábase da aprobación de dúas actas, unha delas correspondente á sesión extraordinaria do Claustro do 16 de outubro de 2014, que foi por asentimento. E, a outra, da sesión ordinaria do Claustro da mesma data que a anterior, con relación á cal formuláronse obxeccións por parte dos profesores C. A., M. V. e M. P. Todas elas referíronse a mellorar a transcrición das súas declaracións e non alteraban o contido esencial da acta, razón pola cal esta resultou aprobada coa obrigada cautela de facer a incorporación daquelas.
A continuación, e fora do punto da orde do día, se deu a palabra a dous claustrais para que lesen unhas declaracións que foron autorizadas pola Mesa do Claustro, a que tamén permitiu colocar ao Sr. L. C. as fotos coas siluetas dos corenta e tres estudantes do grao de maxisterio do Estado de Guerrero (México) que desapareceron sen que se coñeza a súa causa; e a A Trabe para que pendurase uns carteis de protesta nunha das paredes da Sala do Claustro.
A declaración do Sr. L. C.foi a seguinte:
“He elegido este espacio universitario para obtener un mayor eco en la sociedad y en la comunidad académica. Esta misiva va dirigida a todos aquellos que sienten indignación por los sucesos que han ocurrido y que vienen ocurriendo en México. Para aquellos que crean que toda acción que conlleva secuestro, tortura, desaparición o muerte en contra de una persona se deba castigar y no quede impune nunca. Mucho menos la que afecta a 43 estudiantes universitarios. El saldo de esta masacre fue de 5 muertos, 17 heridos, 43 secuestrados, 66 familias afectadas, una comunidad destrozada, un país indignado y un gobierno que no actúa. La clave y lo urgente es clarificar y hacer un llamamiento para identificar a los responsables directos. Creemos que además de los policías implicados en estos actos,
las personas que deben responder ante la justicia son los señores: Felipe Flórez Velázquez secretario de seguridad pública de Iguala; José Luis Abarca Velázquez, presidente municipal de Iguala, que ahora se encuentra detenido; Ángel Aguirre Rivero, presidente del Estado de Guerrero; y Enrique Peña Nieto, presidente de México
Hago un llamamiento a la Comunidad Internacional: ahora no es una crisis económica, es una crisis comunitaria y eso está sucediendo en México”.
A declaración de A Trabe e, no seu nome, da Sra. E. R., foi a seguinte:
“Dende A Trabe decidimos facer hoxe este pequeno acto de protesta porque nos parece un auténtico escándalo vivir nun país no que se lle está inxectando cartos a banca, as construtoras as concesionarias de autopistas, en definitiva a empresas privadas ... mentres se recorta o financiamento de todos os servizos públicos, da universidade pública, do ensino público en xeral e da sanidade pública. Decidimos disfrazarnos de autoestrada [en alusión as imaxes que figuran nos carteis] para que a Xunta se de conta de que se continua por esta autoestrada se pode trastocar”.
2) Informes do Sr. reitor
Os informes do reitor versaron sobre cuestións variadas tales como: o incremento sensible do número de alumnos matriculados no curso académico 2014-2015; o mantemento do recoñecemento do Campus Vida como campus de excelencia internacional; e a reunión de reitores na CRUE, o 12 de novembro de 2014, para a abordaxe do decreto coñecido no momento do Pleno do Claustro como 3+2 (hoxe, Real Decreto 43/2015, do 2 de febreiro).
Suceden as intervencións breves do Prof. G. S. e do Sr. D. V. nas que requiren a valoración do reitor sobre o proxecto de decreto.
3) Informe sobre o Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio
Expuxo o Xerente que o Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio supón o cumprimento dunha obriga establecida na Lei de orzamentos de Galicia; foi presentado na Xunta o 30 de setembro; foi aprobado polo Consello Social; e a súa elaboración resultou do traballo conxunto da Xerencia cos catro ex vicerreitores de asuntos económicos da Universidade e outros especialistas no tema. De seguido, continuou explicando o seu contido e destacando a situación extremadamente delicada da Universidade que podería ter que afrontar un déficit de 16 millóns de euros ao remate do ano 2014.
4) Propostas para a implementación, a actualización e o seguimento, e ratificación do Plan Económico Financeiro de Reequilibrio
A defensa do Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio correu a cargo do xerente.
Os acordos acadados polos Claustro entorno a ratificación do Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio (PEFR) son clasificados nos referidos a: I. Propostas retiradas; II. Propostas rexeitadas; III. Propostas transaccionadas; IV. Propostas aceptadas; e V. Propostas aceptadas previa votación.
I. PROPOSTAS RETIRADAS
Nº ASINANTES
3 4 5
Ramón Leis Fidalgo José Luis Falguera López José Luis Falguera López O contido destas propostas foi engadido ao de a proposta número 2, polo cal retiráronse.
II. PROPOSTAS REXEITADAS A) DE NON RATIFICACIÓN
Nº ASINANTE
1 José F. Méndez García
Texto da proposta: Non ratificación do PEF de reequilibrio
“Consideramos que a elaboración do Plan se levou de costas á comunidade universitaria, e careceu polo tanto da participación da mesma, en primeiro lugar, na decisión de que un plan de este tipo constituíse a elección correcta para enfrontar a situación, e en segundo lugar, na determinación do seu contido concreto, o cal foi elaborado pola equipa de goberno e entregada á Xunta de Galicia sen que previamente fora coñecida, debatida, emendada no seu caso, e aprobada se así se estimaba, por ningún dos órganos representativos da dita comunidade universitaria, isto é, nin polo Claustro nin polo Consello de Goberno.
Consideramos que o plan constitúe unha hipoteca de consecuencias desastrosas para o futuro da USC, un plan que nin corrixe as posibles deficiencias na xestión que puideran ser causantes dunha parte dos problemas económicos que hoxe padecemos, nin vai dirixido a corrixir o déficit crónico de financiamento público que padece esta institución.
Consideramos que introduce novos e gravísimos problemas na xestión futura, xa que opta por asumir uns compromisos de recortes estruturais durante varios anos, para resolver un problema concreto, deste momento concreto, que ten un claro perfil conxuntural.
Son medidas estruturais que se centran, nomeadamente, nun recorte brutal, azaroso e por tanto arbitrario, de persoal PAS e PDI, é dicir, do capital humano dispoñible, recorte que se deriva de amortizar, practicamente, todas as vacantes que se produzan por xubilación durante os anos que dura o plan. A isto se suma un compromiso evidente de continuar co recorte non menos brutal que vimos padecendo desde hai varios anos, de recursos para a renovación e mantemento de infraestruturas e equipamentos, e, polo tanto, dos recursos docentes e investigadores, así como de administración e de servizos. A xestión vai verse máis gravemente comprometida que nunca porque todas estas actuacións carecen de ningún tipo de planificación previa, non responden a estudos de situación ou de necesidades, nin en materia de persoal nin en ningunha outra, e ao sumarse ao mencionado carácter azaroso da distribución das xubilacións, só pode conducir a unha afondamento da crise na USC.
A ausencia de estudos solventes e publicamente coñecidos lastra tamén a posibilidade dunha actuación transparente e democrática, agora e no futuro inmediato, impide o debate serio e produtivo, e en consecuencia, alimenta a convicción de que se están tomando estas decisións baixo a presión dos acontecementos, carecendo de criterios e obxectivos claros e derivados dunha xestión planificada e solvente.
A todo isto hai que sumar tamén o feito de que o actual reitor negou durante toda a campaña electoral, hai apenas uns meses, que esta situación a que agora se enfronta(nos enfrontamos) se puidera producir, restoulle toda importancia e negouse a considerar que se puidera ver obrigado a tomar medidas excepcionais. Este feito, publicamente coñecido, demostra que non existía ningunha previsión ao respecto, e moito menos unha planificación que puidera agora soster un plan desta natureza, ao punto que nin sequera se soubo quitar as conclusións adecuadas da información dispoñible dende, cando menos, o claustro de decembro de 2013.
Segundo a nosa interpretación, o resultado deste plan vainos situar en 2020 cuns 300 efectivos menos(como xa se dixo, azarosa e non planificadamente distribuídos), cun persoal (PDI e PAS) cunha
media de idade que nunhas catro quintas partes vai estar por riba dos 50 anos, o que sumado a varios anos sen entrada de persoal novo(os anos que xa levamos máis os que se reflicten no plan) vai ter unhas consecuencias gravosas no funcionamento normal da USC facilmente imaxinables; e que van desenvolver a súa actividade en edificios e outras instalacións en grave proceso de deterioro, con equipamentos avellentados e desfasados, todo sostido durante anos, demasiados anos, cun mantemento reducido ao mínimo, como para esperar que en 2020 sigan prestando un servizo en condicións.
En definitivas contas, consideramos que este plan non vai a reequilibrar nin económica nin financeiramente á USC, máis ben ao contrario, pode conducir a un camiño de difícil retorno, condenada a vivir no recorte e no axuste permanente, financeiramente castrada e penando indefinidamente por uns pecados de mala xestión que, paradoxicamente, foi alimentada pola unha falta de planificación e unha precipitación moi similar a que hoxe implica o plan.
Nós consideramos que o goberno da USC para facer fronte a unha situación coxuntural como esta, na que o determinante é poder afrontar uns pagos en prazo para poder,digamos, seguir funcionando, debera facelo a través de medidas que tiveran tamén un carácter marcadamente coxuntural, e que non comprometeran a planificación futura e as políticas que se consideraran adecuadas para o mellor goberno da USC.
A Xunta apropiouse indebidamente da parte do financiamento da USC correspondente ao recorte nas pagas extras dos seus traballadores PAS e PDI, impedindo que se puidera utilizar na minoración de débeda e/ou déficit da propia USC, e posibilitando a Xunta utilizar eses recursos na minoración da súa propia débeda e/ou déficit. Con eses recursos esta situación coxuntural non se tería producido, por tanto esta equipa de goberno e este reitor, teñen a obriga e a responsabilidade de recuperar eses recursos antes de aceptar docilmente un plan como este que nós propoñemos hoxe non ratificar”.
Someteuse a votación co resultado que se reflexa:
- A favor da proposta de A Trabe: 56 votos - En contra da proposta de A Trabe: 126 votos - En branco: 25 votos
A proposta foi rexeitada.
B) SOBRE ASPECTOS CONCRETOS
Nº ASINANTE
14 Isabel Vaquero Quintela
Texto da proposta: “A Trabe ten expresado con claridade e reiteración que a Universidade ten que manter unha posición de dignidade para reclamar un financiamento que lle permita sobrevivir e cumprir as súas funcións. Temos dito con reiteración que a USC debe tomar a iniciativa, non só para unha simple cooperación entre universidades, senón dun xeito moito máis proactivo. O reitor da Universidade de Santiago ten que liderar a unidade, tomar a iniciativa e impulsar unha política activa para harmonizar unha posición unitaria das tres universidades que fortaleza o posicionamento das Universidades Públicas Galegas fronte aos recortes orzamentarios que a están incapacitando para cumprir a funcións social que lle corresponde. Tanto na elaboración deste plan como nas manifestacións públicas do reitor ou de membros do seu equipo, o que se ve é xusto a estratexia contraria: confrontación coas outras universidades e ás veces ata se deixa entrever que nos adiantamos aos recortes da Xunta como un sinal de responsabilidade que merece recompensa. Obviamente esta non é a posición de dignidade nin a política que nós podemos apoiar.
Ningún goberno autonómico verá necesario incrementar o orzamento da universidade se non hai unha reclamación xustificada que exerza a presión necesaria, e nós cremos que, como traballadores da universidade, como claustrais e como cidadáns; temos a responsabilidade de pensar na universidade a medio e longo prazo, non so na pura conxuntura de facer cadrar as contas aquí e agora.
En consecuencia propoñemos a seguinte resolución ao Claustro, non para marcarlle as directrices políticas a este reitorado, somos conscientes de que aínda que se aprobe esta resolución no Claustro, se o equipo de goberno non ten a vontade nin a intención política de cumprila, non se cumprirá. O sentido desta resolución é fortalecer posición do Reitor e do equipo coa manifestación explícita do Claustro.
Proposta de resolución:
Alén da profunda reflexión que debe facer a universidade: sobre a docencia e a pescuda necesaria para mellorar a vida das persoas e o progreso do país, sobre a ética na maneira de xestionar os recursos públicos e sobre o fomento da participación dentro da universidade; a USC e as universidades do SUG en xeral, están nunha situación economicamente insostible e politicamente intervidas na súa autonomía.
Este claustro súmase a todas as reclamacións e denuncias que levan feito, intelectuais e pensadores do ámbito universitario, órganos de goberno e reitores particularmente, ou organismos como a CRUE, sobre a necesidade de incrementar o financiamento público das universidades públicas.
Como claustrais consideramos que temos a responsabilidade de defender a universidade pública non so na conxuntura do aquí e agora, se non pensando unha universidade para Galiza a medio e longo prazo.
Por todo isto, o Claustro resolve:
a) Apoiar ao reitor e ao seu equipo na reclamación dun financiamento que lle permita sobrevivir, comezando polo reintegro do aforro por recortes salariais nos últimos 3 anos que todas as administracións, agás as universidades, dedicaron a enxugar débeda propia.
b) Apoiar ao reitor e ao seu equipo para acadar unha posición de unidade das tres universidades galegas, tomando a iniciativa e marcándose como obxectivo prioritario harmonizar unha posición unitaria das mesmas que evite a competencia e o conflito entre elas e reforce unha posición ética do Sistema Universitario Galego fronte as políticas de recorte da Xunta de Galicia, que incapacitan ás universidades do SUG para cumprir a súa función social”.
O xerente explica que o contido da proposta está parcialmente recollida na proposta 4, xa aceptada, de sorte que procede a votación desenvolta nos termos seguintes:
- A favor da proposta: 80 votos - En contra da proposta: 95 votos - En branco: 31 votos
A proposta é rexeitada tras a votación.
Nº ASINANTE
15 Carmen Espiñeira Regueiro
Texto da proposta: “Propoñemos incorporar ao Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio (PEFR) unha análise da débeda e o déficit da USC, indicando con claridade cales son as súas orixes tanto nos posibles incrementos dos custes como na redución dos ingresos, en concreto sobre a importante redución dos ingresos inicialmente previstos no plan de financiamento do SUG 2011-2015 por parte da Xunta de Galicia.
Así como incorporar a reclamación dun financiamento adecuado para o conxunto do SUG, en base ás necesidades reais de financiamento dunha universidade pública de calidade, incorporando a esixencia de que os aforros producidos por distintos conceptos, en concreto os recortes salariais aos traballadores e traballadoras nos últimos anos sexa reintegrado ás universidades para o cumprimento das súas funcións e compromisos incluídos a devolución da débeda propia”.
O xerente explica que non procede incorporar no PEFR unha análise do déficit e, por outra banda, parte da proposta está contida noutras precedentes.
Someteuse a votación co resultado seguinte:
- A favor da proposta: 68 votos - En contra da proposta: 105 votos - En branco: 27
A proposta é rexeitada tras a votación.
Nº ASINANTE
16 Lourdes Sesto Gontán
Texto da proposta: “Propoñemos achegar no período do Plan a reposición de prazas por xubilacións tanto para o PDI como o PAS aos límites previstos para as taxas de reposición na Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia para o conxunto das universidades galegas, garantindo en calquera caso que a
porcentaxe anual de reposición será a mesma para todos os colectivos (PDI e PAS)”.
Someteuse a votación co resultado seguinte:
- A favor da proposta: 61 votos - En contra da proposta: 100 votos - En branco: 36 votos
A proposta é rexeitada tras a votación.
III. PROPOSTAS TRANSACCIONADAS
Nº ASINANTE
2 Antonio López Díaz
Texto da proposta: “O sentido da responsabilidade a que nos obriga a nosa condición de membros do Claustro Universitario lévanos a asumir que a situación económico-financeira pola que atravesa a nosa Universidade, e que é consecuencia tanto dos recortes no financiamento realizados pola Xunta de Galicia como de decisións internas da USC adoptadas ao longo da última década, fai necesario adoptar medidas que permitan avanzar cara ao equilibrio e a sostibilidade orzamentarios.
Compartindo ese obxectivo xeral, consideramos que, polos documentos coñecidos ata o de agora, o Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio para a USC elaborado polo seu equipo de goberno e remitido á Xunta de Galicia resulta claramente mellorable na medida en que aposta por alcanzar o reequilibrio orzamentario exclusivamente mediante a redución do gasto e centra esta redución, á parte de no aprazamento da amortización dos créditos bancarios e os anticipos reembolsables, integramente no recorte dos gastos de persoal.
Por esta razón, entendemos que no proceso de concreción, implementación e seguimento do Plan resulta imprescindible que as medidas que se vaian adoptar no seu marco respondan á seguinte secuencia ou orde de prioridade:
1. Estudar e aproveitar todas as vías posibles para incrementar os ingresos. Neste sentido, resulta imprescindible un compromiso do equipo de dirección da Universidade na esixencia, diante da Xunta de Galicia, dun financiamento do sistema universitario público, e máis concretamente da USC, que mellore de xeito significativo o seu nivel actual e que resulte suficiente para o cumprimento dos seus obxectivos docentes e investigadores. Entre outras medidas é ineludible demandar á Xunta de Galicia que o aforro derivado do recorte salarial dos seus traballadores, que se aplicará en 2015 por terceiro ano consecutivo, se destine ao pago da débeda da propia USC.
Ao propio tempo, a Universidade debe exercer responsablemente a súa autonomía de funcionamento e adoptar as decisións necesarias pra mellorar o seu nivel de ingresos naqueles ámbitos que dependen da propia Universidade, incluíndo aquí, desde unha análise rigorosa sobre a demanda e oferta de estudos, ata unha aplicación adecuada e equitativa dos custos indirectos sobre todas as actividades desenvolvidas mediante ingresos afectados, pasando por unha posta en valor dos recursos da Universidade.
2. No capítulo dos gastos, ademais da renegociación dos prazos de devolución dos créditos bancarios e dos anticipos reembolsables, adoptar medidas que permitan racionalizar o gasto en bens e servizos correntes (capítulo II) e transferencias correntes (capítulo IV), reducindo ou eliminando aquelas partidas que non sexan imprescindibles para as funcións básicas da USC como Universidade pública. De modo similar, no capítulo VI deben evitarse novos investimentos non adecuados á actual situación económica da institución. Nesta orde de cousas, deberá valorarse se a USC pode, neste momento, asumir os gastos derivados da apertura de novas instalacións que veñen de ser recentemente recepcionadas ou están a piques de facelo.
3. Tendo en conta os significativos recortes sufridos nos últimos anos polos gastos de persoal, consideramos que calquera redución neste capítulo só podería contemplarse como último recurso. En todo caso, as posibles reducións adicionais neste capítulo deben cumprir sempre dúas condicións: (a) que non afecten de modo significativo ás funcións esenciais da USC e ao seu desenvolvemento futuro, e (b) que se garanta a distribución equitativa das medidas, por colectivos e áreas.
Consideramos fundamental que as medidas de axuste interno que teña que adoptar a USC, tanto mediante a diminución de gastos como a través do incremento de certas partidas de ingresos, conten co máximo consenso dentro da comunidade universitaria. Isto require que no contido e no proceso de aprobación das medidas se cumpran tres condicións, estreitamente ligadas entre si: a equidade no reparto dos posibles sacrificios ou medidas de axuste e a máxima transparencia na información sobre os diferentes ingresos e gastos da nosa Universidade e a coherencia no desenvolvemento das medidas concretas que se adopten.
Co fin de aplicar os criterios expostos, no proceso de concreción, implementación e seguimento do Plan Económico- Financeiro de Reequilibrio para a USC constituirase unha Comisión que, no prazo de 3 meses, e a partir da avaliación dos actuais ingresos e gastos da USC, deberá elaborar, de acordo co sinalado anteriormente, unha proposta de medidas concretas para lograr os obxectivos globais establecidos no Plan coa menor afectación posible sobre o capítulo I e sobre os medios necesarios para o adecuado cumprimento das súas funcións esenciais.
Con carácter previo á súa remisión para aceptación por parte da Administración autonómica, as medidas que se vaian propoñendo ao longo da vixencia do Plan someteranse á aprobación nos órganos colexiados de goberno da USC, evitando decisións e procedementos de facto que vaian en menoscabo da autonomía universitaria”.
A transacción pasaba por engadir ao texto da proposta número 2 os das propostas 3, 4 e 5, correspondentes aos profesores Leis Fidalgo, Falguera López e López Couso, respectivamente.
O texto da transacción sería, entón, engadir a proposta inicial o seguinte:
- Crear un grupo de traballo integrado por membros da Equipa Reitoral, da Comisión de Asuntos Económicos do Claustro, do Consello de Goberno e do Consello Social para elaborar propostas encamiñadas á modulación do novo plan de financiamento e a realizar un seguimento da súa implementación e das negociacións relacionadas co seu desenvolvemento.
- Requirir da Equipa de Goberno que reivindique á Xunta de Galicia un maior financiamento para a USC, froito da aplicación de criterios máis ecuánimes no reparto no SUG e dun apoio máis decidido ao ensino superior público.
- Revisar os servizos que a USC vén prestando á sociedade, e que non responden a cometidos fundamentais da universidade, propiciando unha maior racionalización dos custes para a USC.
-
A transacción foi aceptada sen requirir votación.
Nº ASINANTE
12 Luís Velasco Martínez
Texto da proposta: “A Universidade de Santiago de Compostela debe manter os compromisos de consolidación dos investigadores pertencentes ós programas Ramón y Cajal e Parga Pondal, así como do Profesorado de substitución das áreas deficitarias. Ademais debe conservar o financiamento dos programas de formación docente e as estancias de investigación para o Persoal Docente e Investigador(PDI) de vinculación permanente”.
Texto da transacción: A Universidade de Santiago de Compostela debe manter os compromisos actuais de consolidación dos investigadores pertencentes ós programas Ramón y Cajal e Parga Pondal, así como do Profesorado de substitución das áreas deficitarias. Ademais debe conservar os programas de formación docente e as estancias de investigación para o Persoal Docente e Investigador(PDI) de vinculación permanente, facéndoas compatibles coa súa labor docente e investigadora.
A transacción foi aceptada sen requirir votación.
Nº ASINANTE
13 Enrique Tacón Fernández
Texto da proposta: “O importante déficit de financiamento por parte da Xunta de Galicia motiva a situación económica da USC que a obriga á presentación do Plan Económico-Financieiro de Reequilibrio.
A obrigada aplicación do Plan pode incidir negativamente na prestación do servizo de ensino superior e investigación que precisa a sociedade galega, polo que supón de recorte nos efectivos de persoal, imposibilidade de relevo xeracional e renuncia a iniciativas que impliquen un certo investimento. É por isto que a dirección da USC, a comunidade universitaria e mesmo a propia sociedade galega debe requirir da administración económica o financiamento que a USC precisa para poder cumprir co seu compromiso social. É por iso, tamén, que a posible mellora no seu financiamento debe implicar a revisión e actualización do Plan de xeito que se revertan as súas consecuencias máis negativas.
En todo caso, a implantación do Plan debe ter en consideración os seguintes criterios:
- Toda medida que implique reorganización de cadros de persoal será negociada cos órganos de representación sindical do persoal, con carácter previo á súa implantación e independentemente de que sexa discutida en órganos de goberno e representación ou outras instancias con competencias ao respecto ou que ao efecto se constitúan.
- As medidas a aplicar non implicarán despedimentos de persoal.
- Os procesos de reorganización de cadros de persoal integrarán actuacións que permitan a consolidación de postos de traballo actualmente ocupados por persoal con contratos temporais.
- Os procesos de reorganización de cadros de persoal integrarán criterios que permitan a corrección de desequilibrios creados pola amortización de prazas ou xa preexistentes.
- As políticas de emprego contemplarán a cobertura das necesidades mínimas que permitan garantir a prestación dun servizo público de calidade.
- As revisións e actualizacións do Plan que sexan posible realizar por melloras nos ingresos terán en consideración a consolidación do emprego e a restitución de condicións de traballo e dereitos laborais minorados nestes últimos anos. Será un indicador a ter en consideración ao respecto a homoxeneización das condicións salariais do SUG.”
O xerente explica que non ve dificultade na aceptación da proposta coa excepción da alusión os despedimentos, pois esta medida non se está aplicar ao persoal incluído na RPT.
Dito o cal, o texto da transacción é: O importante déficit de financiamento por parte da Xunta de Galicia motiva a situación económica da USC que a obriga á presentación do Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio.
A obrigada aplicación do Plan pode incidir negativamente na prestación do servizo de ensino superior e investigación que precisa a sociedade galega, polo que supón de recorte nos efectivos de persoal, imposibilidade de relevo xeracional e renuncia a iniciativas que impliquen un certo investimento. É por isto que a dirección da USC, a comunidade universitaria e mesmo a propia sociedade galega debe requirir da administración económica o financiamento que a USC precisa para poder cumprir co seu compromiso social. É por iso, tamén, que a posible mellora no seu financiamento debe implicar a revisión e actualización do Plan de xeito que se revertan as súas consecuencias máis negativas.
En todo caso, a implantación do Plan debe ter en consideración os seguintes criterios:
- Toda medida que implique reorganización de cadros de persoal será negociada cos órganos de representación sindical do persoal, con carácter previo á súa implantación e independentemente de que sexa discutida en órganos de goberno e representación ou outras instancias con competencias ao respecto ou que ao efecto se constitúan.
- As medidas a aplicar non implicarán despedimentos de persoal que ocupe prazas das RPT do PAS e PDI.
- Os procesos de reorganización de cadros de persoal integrarán actuacións que permitan a consolidación de postos de traballo actualmente ocupados por persoal con contratos temporais.
- Os procesos de reorganización de cadros de persoal integrarán criterios que permitan a corrección de desequilibrios creados pola amortización de prazas ou xa preexistentes.
- As políticas de emprego contemplarán a cobertura das necesidades mínimas que permitan garantir a prestación dun servizo público de calidade.
- As revisións e actualizacións do Plan que sexan posible realizar por melloras nos ingresos terán en consideración a consolidación do emprego e a restitución de condicións de traballo e dereitos laborais minorados nestes últimos anos. Será un indicador a ter en consideración ao respecto a homoxeneización das condicións salariais do SUG.”
A transacción foi aceptada sen requirir votación.
IV. PROPOSTAS ACEPTADAS
Nº ASINANTE
6 Mª José López Couso
Texto da proposta: A implementación do Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio(PEFR) da USC garantirá unhas dotacións nos capítulos II e VI que lles permitan ás Facultades e Escolas desenvolver as actividades docentes consonte o establecido nas memorias de verificación dos plans de estudo das titulacións oficiais de Grao e Máster. Nomeadamente, debe garantirse o mantemento e renovación dos equipamentos docentes, dos fondos bibliográficos e de medios, recursos e materiais necesarios para a realización de prácticas.
A proposta foi aceptada sen requirir votación.
Nº ASINANTE
7 Ramón Leis Fidalgo
Texto da proposta: Explorar e avaliar posibles medidas de aforro enerxético, de xeito que no curto prazo(primeiro semestre de 2015) se poidan concretar contribuíndo a unha redución de custos.
A proposta foi aceptada sen requirir votación.
Nº ASINANTE
8 José Luis Falguera López
Texto da proposta: Adiantar os procesos de funcionarización de persoal laboral, de maneira paulatina por sectores, para aplicar aforros dende 2016 e evitar facer outros axustes no Capítulo I.
A proposta foi aceptada sen requirir votación.
Nº ASINANTE
9 José Luis Falguera López
Texto da proposta: Axustar as axudas de matrícula a fillos/as de traballadores da USC segundo o nivel de renda, de xeito que os incrementos económicos repercutan en evitar facer outros axustes no Capítulo I.
A proposta foi aceptada sen requirir votación.
Nº ASINANTE
10 Ramón Leus Fidalgo
Texto da proposta: Analizar en cada caso que porcentaxe dos ingresos que se obteñan por alleamento de patrimonio se poden dedicar á amortización da débeda por anticipos reintegrables, xa que o aprazamento do seu pago ten un alto custe financeiro.
A proposta foi aceptada sen requirir votación.
Nº ASINANTE
11 Ramón Leus Fidalgo
Texto da proposta: Intensificar e reorganización interna da USC, racionalizando o número de unidades académicas e de investigación (departamentos, institutos, centros) có obxecto de incrementar a eficiencia, reducir custos e contribuír a paliar axustes adicionais no Capítulo I.
A proposta foi aceptada sen requirir votación.
Nº ASINANTE
18 Francisco Castro Alvaredo
Texto da proposta: Propoñemos buscar socios para os institutos de investigación ou centros singulares de investigación co obxecto de compartir os gastos de infraestrutura e persoal necesarios para o funcionamento dos mesmos, mellorando os escasos medios actuais sen necesidade de restar fondos ao resto das funcións da universidade, estes deberán ser centros e institucións públicas como outras universidades, centros de investigación, Xunta de Galicia, CSIC,…
A proposta foi aceptada sen requirir votación.
V. PROPOSTAS ACEPTADAS PREVIA VOTACIÓN
Nº ASINANTE
17 Francisco Castro Alvaredo
Texto da proposta: Propoñemos que a xestión económica e orzamentaria dos másteres e cursos propios sexa realizada integramente por parte dos servizos centrais eliminando as retencións actualmente existentes, de xeito que a totalidade dos ingresos que non se utilicen para cubrir os gastos directos se destinen a partidas de gastos xerais da USC, coa distribución que se acorde. Garantindo que os gastos directos non serán superiores en ningún caso aos ingresos e procurando que a maioría dos gastos sexan realizados por persoal con capacidade suficiente, de xeito que maximicemos as cantidades destinadas aos gastos xerais da USC.
Someteuse a votación e acadouse o seguinte resultado:
- A favor da proposta: 90 votos - En contra da proposta: 89 - En branco: 24
A proposta foi aceptada tras a votación.
5) Aprobación das Liñas Xerais da Programación Plurianual
Presentou e defendeu as Liñas Xerais da Programación Plurianual o vicerreitor de comunicación e coordinación.
Os acordos acadados polos Claustro entorno as Liñas Xerais da Programación Plurianual son clasificados nos referidos a: I. Emendas retiradas; II. Emendas rexeitadas; III. Emendas transaccionadas;
IV. Emendas aceptadas; e V. Emendas aceptadas previa votación.
I. EMENDAS RETIRADAS
Retiráronse seis emendas que se relacionan de seguido.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
1
Trátase dunha emenda a totalidade das Liñas Xerais da Programación Plurianual que foi presentada pola Liga estudantil e que retirou tras a súa defensa para votar na segunda emenda a totalidade procedente de A Trabe.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
12 16
Retirouse porque se considerou subsumida na emenda número 11, a cal foi aceptada.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
19 35
Tratábase da supresión de: “Definir un modelo mixto, xestión directa-indirecta, para a área de infraestruturas”.
A motivación dos emendantes era que : “A dirección, planificación, xestión e seguimento das infraestruturas da USC debe ser pública, para o cal a USC dotará a Área de Infraestruturas dos recursos de persoal necesarios, e non privatizalo parcialmente”.
No debate posterior xurdido entre dona Isabel Vaquero Quintela e o vicerreitor de comunicación e coordinación, aclarouse que non se trataba da externalización de novos servizos, senón de poñer orde nos máis de vinte e cinco contratos existentes, e dicir, do réxime das subcontratacións de obras e servizos.
Vista a existencia dunha dificultade na redacción do texto que procedía corrixila, a emenda foi retirada.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
31 24
A emenda postulaba “establecer un novo modelo organizativo de investigación, enfatizando a especialización, a colaboración e transversalidade”, e foi retirada.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
51 22 Primeiro parágrafo
A emenda trataba da creación dunha unidade do Centro de Doutoramento e de Estudos Avanzados en Lugo. E, continuaba dicindo, que “a xestión (...) require unha unidade do Centro de Doutoramento e de Estudos Avanzados que permita (...)”
Dita emenda foi retirada pola transacción que afectou a emenda número 50; o que supuxo a asunción do contido da número 51.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
61 36
A emenda propuña a supresión do punto referido ao “Reforzo de especialización da Asesoría Xurídica”, no que atinxía à “ licitación pública dos preitos laborais e mercantís”.
Tras aclarar pola secretaria Xeral que se trataba dunha medida provisoria para facer fronte aos preitos entanto non se puidera dotar de prazas ao servizo, os asinantes retiraron a emenda.
II. EMENDAS REXEITADAS
Déixase constancia de que o número de emendas rexeitadas, unha delas a totalidade das Liñas Xerais da Programación Plurianual, foi de sete, do que se relaciona de seguido.
A) A TOTALIDADE
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
2
Trátase da segunda emenda a totalidade das Liñas Xerais da Programación Plurianual (a outra foi presentada pola Liga Estudantil e retirada para votar conxuntamente coa presente) defendida por A Trabe que foi obxecto de votación nos seguintes termos:
- A favor do texto orixinal: 100 votos - A favor da emenda de A Trabe: 78 votos - En branco: 16 votos
A emenda foi rexeitada.
B) PARCIAIS
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
7 9
Coa emenda trátase da supresión do texto orixinal: “Con independencia diso, a USC debe poñer en valor os seus activos patrimoniais hoxe libres de uso (o vello Hospital de Galeras )e preparar a posibilidade de facelo con outras aínda ocupadas (Xoan XXIII) ou vinculadas a operacións a abordar a medio prazo (Polígono 22 Burgo das Nacións-Universidades), como xeito de financiar actuacións de investimento ou de minoración da débeda e explorar acordos con operadores que podan contribuír a tal finalidade no Campus de Lugo”.
A motivación da supresión estribaba en que: “Non se entende a proposta de venda de edificios da Universidade actualmente ocupados sen ofrecer unha alternativa aos centros afectados(Enfermaría e Maxisterio)e ao mesmo tempo que se propoña a construción doutros novos. Amais, os edificios libres de uso poden ser empregados en beneficio da comunidade universitaria”.
A emenda foi rexeitada tras sometela a votación co resultado que se recolle:
- A favor do texto (orixinal): 120 votos - A favor da emenda: 48 votos - En branco: 26 votos
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
23 20 5
A emenda, que foi rexeitada, avogaba pola eliminación da proposta de deseño dunha oferta de estudos online, e someteuse a votación co resultado seguinte:
- A favor do texto orixinal: 98 - A favor da emenda: 71 - En branco: 12
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
26 21
A emenda pedía que “as materias impartidas nunha lingua non oficial deberán aparecer claramente na información sobre o título. Na información sobre o título deberá reflectirse a(s) lingua(s) en que se imparte cada materia segundo o aprobado no POD”.
A votación sobre a aceptación ou o rexeitamento da mesma arroxou o resultado seguinte:
- A favor do texto: 85 votos - A favor da emenda: 77 votos - En branco: 19 votos
A emenda resultou rexeitada.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
38 30 2
A emenda propuña a retirada do punto relativo a “revisar o encargo lectivo das áreas”.
Sendo inicialmente rexeitada polo equipo de goberno, someteuse, non obstante, a votación, con resultado seguinte:
- A favor do texto orixinal: 81 votos - A favor da emenda: 43
- En branco: 23 A emenda foi rexeitada.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
43 32 2
A emenda propoñía “acordar medidas que favorezan a regularización nunha RPT daqueles contratos con cargo ao capítulo VI que sexan considerados como estruturais da USC”.
A falta de acordo forzou a votación cuxo escrutinio concluíu con:
- A favor do texto orixinal: 91 votos - A favor da emenda: 38
- En branco: 25 -
A emenda foi rexeitada.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
57 30 3
A emenda postulaba a retirada do punto relativo a “revisar o encargo lectivo das áreas”.
Tal e como aconteceu coa emenda número 38, a presente foi inicialmente rexeitada polo equipo de goberno, pero someteuse a votación co resultado seguinte:
- A favor do texto orixinal: 99 votos - A favor da emenda: 42
- En branco: 13 A emenda foi rexeitada.
III. EMENDAS TRANSACCIONADAS
Dezasete emendas foron obxecto de transacción. As transaccións foron aceptadas por asentimento.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
8 9, 12 a 13
O texto da emenda era: “Nas referencias á chamada "Parcela 22 (Burgo das Nacións)" debe clarificarse que as posibles accións (alleamento, permuta, etc.) relativas a esta parcela se limitan ao solar, actualmente a campo, que discorre paralelo á Avenida Castelao, e non ao espazo que na actualidade ocupa o aparcadoiro que dá servizo ás Facultades de Ciencias da Comunicación e Filoloxía, á Residencia Universitaria do Burgo das Nacións e aos servizos administrativos da UXA Norte”.
O texto da transacción: “Esta acción de alleamento do Polígono 22 contemplará e garantirá un número de prazas de aparcadoiro equivalente ás que hai na actualidade ao servizo das Facultades de CC. Da Comunicación, Filoloxía, Residencia Burgo das Nacións e da UXA Norte”.
A transacción foi aceptada sen precisar votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
14 18 1 a 7
O texto orixinal era: “Traslado dos servizos situados no edificio de Odontoloxía ao edificio actual da Facultade de Medicina e Odontoloxía. O actual edificio de Odontoloxía é propiedade do Concello de Santiago, quen xa reclamou o seu uso. O obxectivo é trasladar todos os servizos alí existentes ao edificio da rúa San Francisco, actual sede principal da Facultade de Medicina e Odontoloxía, elaborando o proxecto en canto se dispoña dun compromiso firme de ubicación da nova Facultade, e acometendo as obras de acondicionamento do edificio ao novo uso en canto as dispoñibilidades de espazo polo traslado de Medicina ao novo edificio o permitan.
Programación: 2015-16. Elaboración do proxecto integral de acondicionamento do edificio ao novo uso, e inicio das obras cando se leve a cabo o traslado de Medicina ao novo edificio do entorno do hospital”.
A emenda consideraba a modificación do anterior.
Deste xeito, o texto da transacción foi: “Traslado dos servizos situados no edificio de Odontoloxía ao edificio actual da Facultade de Medicina e Odontoloxía
O actual edificio de Odontoloxía é propiedade do Concello de Santiago de Compostela, quen xa reclamou o seu uso. O obxectivo é trasladar todos os servizos alí existentes ao edificio da rúa San Francisco, actual sede principal da Facultade de Medicina e Odontoloxía, elaborando o proxecto en canto se dispoña dun compromiso firme de ubicación da nova Facultade, e acometendo as obras de acondicionamento do edificio ao novo uso en canto as dispoñibilidades de espazo e de recursos económicos polo traslado de Medicina ao novo edificio o permitan. Todas as actuacións e os prazos serán negociadas previamente coa Facultade.
Programación: 2015-2016. Elaboración do proxecto integral de acondicionamento do edificio ao novo uso. 2016-2017: Inicio das obras cando se leve a cabo o traslado de Medicina ao novo edificio no entorno do Hospital , sempre que se dispoña dun compromiso firme de ubicación da nova Facultade de Medicina no entorno do CHUS, de dispoñibilidades de espazo no actual edificio e dos recursos económicos necesarios)”.
A transacción foi aceptada sen precisar votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
20/21
Emendas fusionadas 20 15/14
Ao Prof. Falguera López, que presentou a emenda número 20, propónselle refundila coa número 21, interposta polo Prof. Méndez Paz" e relativa a engadir o texto seguinte: “Programación: Cada curso establecerase unha oferta acorde cos liñas xerais do Campus Vida, Campus Terra e Campus da Cidadanía".
A transacción foi aceptada sen precisar votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
28 24 Establecer un modelo
A emenda consistía na substitución da frase "Consolidarase o modelo de centros singulares e estableceranse novas dinámicas para os institutos de investigación" pola de "Revisarase o modelo de centros singulares e de institutos de investigación para avanzar na definición e consolidación dun modelo de centro de investigación da USC".
A transacción postulaba: “Analizarase a estrutura de centros singulares e de institutos de investigación para avanzar na definición e consolidación dun modelo de investigación na USC”.
A transacción foi aceptada sen votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
30 22
O texto da emenda dicía: “Mellora do Centro de Linguas Modernas.
Para poder afrontar a mellora e modernización do CLM, así como para facer fronte con garantías ás demandas de formación e avaliación en lingua estranxeira do alumnado para lograr o B1 para poder graduarse, crearanse novos postos de técnico/a superior en linguas modernas ou, polo menos, normalizarase a contratación de persoal nesta categoría”.
O texto da transacción indicaba: “Para poder afrontar a mellora e modernización do CLM, así como para facer fronte con garantías ás demandas de formación e avaliación en lingua estranxeira do alumnado cara o B1 para poder graduarse,normalizarase a contratación de persoal”.
A transacción foi aceptada sen precisar votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
32 24
O texto da emenda dicía: “Establecer un método de control e supervisión das condicións laborais do persoal contratado con cargo a recursos captados para I+D+i”.
A posición do equipo de goberno, expresada polo vicerreitor de comunicación e coordinación, era rexeitala, pero o Prof. Gómez Seoane propuxo como texto dunha transacción: “Supervisar de maneira efectiva as condicións laborais do persoal da USC, especialmente o persoal contratado con cargo a recursos captados no Capítulo VI”.
A transacción foi aceptada sen precisar votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
44 32 30
A emenda postulaba a supresión do último apartado da páxina de referencia e relativo ao persoal de administración e servizos, segundo o cal: “Por esta razón proponse un mecanismo dinámico, que permita facer as actualizacións dun xeito más eficaz”.
O texto da transacción proposta polo equipo foi: “Por esta razón establecerase un mecanismo de actualización dinámico no que atinxe a prazas afectadas por procesos de xubilación”.
A transacción foi aceptada sen precisar votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
48/49
Emendas fusionadas 36 3 17
Proponse a dona Isabel Vaquero Quintela que acepte como incorporada a emenda número 49 que ela presentara na emenda número 48, defendida polo Prof. Falguera López e cuxo texto era: “Mellorar o aproveitamento da imprenta universitaria A evolución da tecnoloxía provocou que a imprenta universitaria teña que realizar un mellor aproveitamento das súas potencialidades, estudando a posibilidades de ampliar a súa oferta de servizos ao SUG e adaptándoa ás demandas da nosa Universidade”.
A transacción foi aceptada sen precisar votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
50 21 Último parágrafo
A emenda postulaba: A “creación dun centro autónomo que xestione a oferta de programas de doutoramento e os estudos avanzados da USC.Este centro asumirá as actuais funcións da Escola de Doutoramento Internacional e do Centro de Estudos Avanzados, potenciando este tipo de ofertas de máis alto nivel. Para logralo requísese unha transformación das respectivas estruturas actuais de ambos centros para fusionalos nun único centro (como nome provisional proponse o de “Centro de Doutoramento e de Estudos Avanzados da USC”). Dito centro debe estar dotado de persoal de administración e servizos capaz de asumir as xestións que se precisen e os eventos académicos que se organicen. Ademais, debe incluír nos seus obxectivos a atracción de estudantes, a creación de programas de doutoramento conxuntos internacionais e o desenvolvemento de actividades de proxección externa do coñecemento xerado na USC.
Programación: A nova estrutura estará operativa no curso 2015-2016.
O texto da transacción proposto polo equipo de goberno foi: “A escola de Doutoramento debe ser un centro de estudos que permita xestionar con eficacia os doutoramentos que se imparten na Universidade de Santiago. Para logralo, requírese unha transformación da súa estrutura, dotándoa de persoal de administración e servizos capaz de asumir as xestións que se precisan. Ademais, debe incluír entre os seus obxectivos a atracción de estudantes e a creación de doutoramentos conxuntos internacionais. Para
esta reorganización, analizarase a posibilidade de integrar a infraestrutura e as actividades do Centro de Estudos Avanzados”.
A transacción foi aceptada sen requirir votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
52 16
A emenda propón engadir: Nova ubicación para un Centro de Doutoramento e de Estudos Avanzados Trátase de que exista unha sede física na que, ademais da xestión administrativa, se poidan desenvolver actividades transversais de doutoramento que sirvan para a dinamización dos programas, e as que ven organizando o actual Centro de Estudos Avanzados, de xeito que desde un mesmo espazo físico ditas actividades teñan maior proxección tanto no interior da USC como cara ao exterior da mesma. Dita sede debería estar, na medida do posible, nalgún lugar céntrico de Santiago de Compostela e en espazos cos que xa conte a USC, e debería incluír salas de seminario e salón de conferencias, xunto con dependencias para tarefas administrativas e de xestión..
A transacción centrábase en: “Ubicación compartida das actividades da Escola de Doutoramento e do Centro de Estudos Avanzados. Trátase de que exista unha sede física na que, ademais da xestión administrativa, se poidan desenvolver actividades transversais de doutoramento que sirvan para a dinamización dos programas, e as que ven organizando o actual Centro de Estudos Avanzados, de xeito que desde un mesmo espazo físico ditas actividades teñan maior proxección tanto no interior da USC como cara ao exterior da mesma. Dita sede debería estar, na medida do posible, nalgún lugar céntrico de Santiago de Compostela e en espazos cos que xa conte a USC, e debería incluír salas de seminario e salón de conferencias, xunto con dependencias para tarefas administrativas e de xestión”.
A transacción foi aceptada sen requirir votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
55 22 Despois do primeiro
parágrafo
A emenda propoñía a: “Revisión dos procedementos de avaliación e de composición de tribunais das teses de doutoramento. Facer unha revisión dos procesos de avaliación de teses de doutoramento que por un lado asegure que os informes demandados para a aceptación da defensa dunha tese sexan máis pormenorizadas, e, por outro lado, permita empregar na defensa as novas tecnoloxías, como a videoconferencia. Ademais a nova normativa deberá contemplar a redución a tres membros titulares (e tres suplentes) nos tribunais de teses de doutoramento”.
A transacción establecía:”Revisión dos procedementos de avaliación e de composición de tribunais das teses de doutoramento. Facer unha revisión dos procesos de avaliación de teses de doutoramento que por un lado asegure que os informes demandados para a aceptación da defensa dunha tese sexan máis pormenorizadas, e, por outro lado, permita empregar na defensa as novas tecnoloxías, como a videoconferencia. Ademais a nova normativa deberá estudar a redución a tres membros titulares (e tres suplentes) nos tribunais de teses de doutoramento”.
A transacción foi aceptada sen requirir votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
63 36 Último apartado 37
O texto da emenda era: “Modernización da estrutura organizativa da Área TIC. A área que xestiona as tecnoloxías da información e da comunicación require un cambio organizativo para adaptarse ás
necesidades actuais da universidade. Proponse un novo modelo que mellore a participación do persoal das conserxerías nas tarefas de mantemento, a transformación da xestión das aulas de informática, a creación dun plan de actualización de infraestrutura e un novo modelo de renovación de hardware”.
O texto da transacción dicía: “Modernización da estrutura organizativa da Área TIC. A área que xestiona as tecnoloxías da información e da comunicación require un cambio organizativo para adaptarse as necesidades actuais da universidade. Proponse un novo modelo que mellore a participación do persoal das conserxerías nas tarefas de mantemento, a transformación da xestión das aulas de informática, a creación dun plan de actualización de infraestrutura e un novo modelo de renovación de hardware”.
A transacción foi aceptada sen requirir votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
65 38
A emendaba procuraba a substitución do texto orixinal polo seguinte: “O Plan de Normalización Lingüística da USC fixou uns obxectivos “ata o ano 2010 (como un elemento máis do Plan Estratéxico da USC)”. Proponse, logo, elaborar e aprobar un novo plan que fixe novos obxectivos e guíe as accións nesta materia para os vindeiros anos. Para iso cómpre:
• Avaliar o cumprimento e os resultados do PNL existente.
• Coñecer a situación de coñecemento, uso e actitudes lingüísticas existentes hoxe en día en todos os sectores da USC (o estudo anterior é de 1996).
• Impulsar un proceso participativo de elaboración do novo plan.
• Harmonizar o novo PNL e a planificación en materia de internacionalización.
Paralelamente, serán prioridades de actuación:
• Recuperar o funcionamento da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro e o contacto político coas comisións de normalización lingüística dos centros.
• Recuperar o orzamento destinado á normalización lingüística pola USC.
• Actualizar o Regulamento de uso da lingua galega e velar polo seu cumprimento tanto nas actividades propias da USC como naquelas concesionadas a empresas, mediante a inclusión efectiva de cláusulas lingüísticas nos pregos. Garantir os dereitos e deberes lingüísticos da comunidade universitaria.
• Fomentar o uso da lingua galega na docencia, especialmente dos graos: Fomentar, cando for posible, o desdobramento lingüístico de grupos de docencia. Garantir a existencia de programas, guías docentes e exames en galego de todas as materias. Garantir a vincularidade da información lingüística dos POD e PAD que se reflicten na web das titulacións. Incluír criterios lingüísticos en calquera tipo de accións estratéxicas de calidade de centros, departamentos ou títulos. Priorizar a edición de materiais docentes en galego. Garantir os requisitos lingüísticos nas contratacións de PDI ou no acceso á función docente nas áreas máis deficitarias en normalización lingüística ou nas que se determinen como estratéxicas. Velar por que os programas de recoñecemento de excelencia e calidade do PDI propios e alleos valoren o uso do galego na función docente.
• Ofrecer un programa de acollida lingüística ao alumnado de mobilidade que promova as actitudes positivas e a competencia lingüística básica, así como a debida preparación actitudinal de todos os axentes de acollida.
• Fomentar o uso do galego na investigación e na divulgación: Reclamar a valoración axeitada da calidade da investigación en galego. Crear unha plataforma para a alta divulgación en galego da investigación universitaria. Garantir os requisitos lingüísticos nas contratacións de persoal de investigación.
• Garantir a meirande presenza e utilización posibles do galego nas TIC: Implantar o software de uso xeral en galego, así como aplicacións que melloran o seu uso, nos ordenadores da USC. Fomentar a localización para o galego e o seu uso de aplicacións específicas para a docencia e a investigación.
Potenciar o papel da USC como axente dinamizador do uso do galego na sociedade, especialmente no contacto a través do programa A Ponte”.
A transacción inicial proposta polo equipo de goberno explicábase deste xeito: “A proposta plurianual fundaméntase na consecución de obxectivos máis ambiciosos para a lingua galega en todas as dimensións da realidade universitaria. Velarase polo cumprimento dos Estatutos da Universidade de Santiago, que definen o galego como lingua desde a cal a institución se presenta tanto internamente
(cara á súa propia comunidade) como externamente (cara á sociedade en xeral). Buscaranse procedementos dialogados e consensuados naqueles ámbitos ou accións nas que se detecten disfuncións. Promoverase o emprego do noso idioma nas actividades de externalización e divulgación da investigación universitaria e nos programas dedicados á presentación da oferta académica a distintos colectivos de futuros alumnos e alumnas, tanto de grao como de máster ou doutoramento. No relativo ao galego como lingua da docencia, para o deseño da estratexia que debemos seguir cómpre unha avaliación da situación de partida a través da información dispoñible nas nosas bases de datos, así como a procura de vías para que existan versións á nosa lingua tanto dos materiais de apoio á docencia como das ferramentas fundamentais do traballo académico. Neste sentido é preciso planificar e actuar sobre a especial situación do alumnado de fóra de Galicia e sobre todo do alumnado internacional, cuxo incremento se prevé importante nos vindeiros anos. En canto á valorización do galego como lingua da investigación, a USC continuará traballando de maneira conxunta co resto das universidades do SUG nunha estratexia de visibilización da produción científica na nosa lingua e na demanda da non penalización do galego nos procesos estandarizados de avaliación da produción científica a nivel estatal”.
Ante o debate, a transacción definitiva pasa por incorporar ao texto anterior o compromiso de levar a termo un novo Plan de Normalización Lingüístico.
A transacción é aceptada sen requirir votación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
71-72
Emendas fusionadas 29 Segundo
Proponse ao Prof. González Seoane que a emenda número 71 por el presentada se reconduza à número 72, propiciada polo Prof. Falguera López, e que o texto quede como sigue: “A nova normativa reaxustará os criterios actuais de concesión e propiciará unha maior moderación no número de Profesores/Investigadores ad honorem, a fin de evitar situacións complexas en determinadas áreas, departamentos e centros derivadas das limitacións nas infraestruturas e nos recursos”. Ademais, cumpre engadir unha frase relativa a dignificación da figura.
A transacción é aceptada sen requirir votación.
IV. EMENDAS ACEPTADAS
Dáse conta de que corenta e dous foron as emendas aceptadas por asentimento que son relacionadas a continuación.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
3 6 a)
Texto da emenda: a) Unha política interna … sobre os gastos, tendo como marco de referencia o Plan Económico-Financeiro de Reequilibrio. A implementación de dito Plan estará modulada en función de posibles circunstancias favorables non previstas, de xeito tal que o seu desenvolvemento resulte o menos gravoso posible para a USC e os seus membros.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
4 12 2
Texto da emenda: Acadar o aforro esixido mediante a racionalización do gasto en bens e servizos correntes (capítulo II) e transferencias correntes (capítulo IV), reducindo ou eliminando aquelas partidas
que non sexan imprescindibles para as funcións básicas da USC como Universidade pública, e, de modo similar, mediante unha redefinición da política de investimentos (capítulo VI) que teña en conta o seu interese para o desenvolvemento das funcións propias da Universidade e a súa viabilidade económica.
Só en última instancia se recorrerá á redución do Capítulo I.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
5 21 novo 29
Texto da emenda: Mellora do financiamento estrutural aos centros. Os axustes realizados nos últimos catro anos, en modo de recorte lineal dende os últimos orzamentos aprobados (os correspondentes ao ano 2011), as sucesivas retencións cautelares (nunca liberadas) e a supresión de remanentes teñen reducido o crédito anual dos centros docentes en máis dun 50%. É necesario garantirlles ás Facultades e Escolas unha dotación suficiente para atender o adecuado mantemento dos equipamentos e fondos bibliográficos destinados á docencia, así como para desenvolver as súas actividades docentes consonte o establecido nas memorias de verificación das titulacións oficiais. En particular, a dotación económica debe garantir o axeitado desenvolvemento das prácticas (experimentais, informáticas, de campo e externas) e dos Traballos de Fin de Grao e de Fin de Máster.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
6
Texto da emenda: Na programación plurianual que se presente á aprobación do Consello de Goberno, cada un dos grupos de accións incluídas nas Liñas Xerais da Programación Plurianual deberían incluír unha estimación global do seu custo e das vías previstas para o seu financiamento.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
9 13 5
Texto da emenda: O posible futuro alleamento da parcela e edificacións de Xoán XXIII deberá implicar unha mellora das condicións dos centros hoxe alí ubicados, en ningún caso afectará negativamente ás actividades de docencia, investigación e servizos na actualidade prestados.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
15
A emenda que se transcribe foi aceptada pero su ubicación corresponde a páxina 15 das Liñas Xerais da Programación Plurianual no lugar da 14, onde estaba inicialmente imputada.
Texto da emenda: Mellora das instalacións, equipamentos e procesos dedicados a prácticas e investigación nos centros experimentais.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
11 16 15
Texto da emenda: Modificar o título do apartado 3, por:
“Liberar as plantas primeira e segunda ocupadas pola Imprenta no Pavillón de Servizos para dedicalo a investigación e ampliación da área TIC; mantendo o soto do edificio para a actividade da Imprenta”.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
13 18
Texto da emenda: Programar as actualizacións das infraestruturas básicas dos sistemas de información e comunicación da universidade. A infraestrutura de telefonía, rede e sistemas centrais de información e comunicación son infraestruturas básicas de docencia e investigación.
Programación: plan de renovación continuo, con priorización anual.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
15 18
Texto da emenda: Programar e no seu caso xestionar as accións necesarias para garantir a docencia na Facultade de Enfermaría.
Programación: Análise das alternativas a partir do ano 2016.
O obxectivo é programar as alternativas de infraestruturas que permitan dispoñer nunha única ubicación dos servizos que ten actualmente a Facultade de Enfermaría nos edificios de Xoan XXIII e do Pavillón Docente Novoa Santos.
Na actualidade a Facultade de Enfermaría atópase dividida en dous espazos situados nos Campus Norte(Facultade de Enfermaría, no edificio de Xoán XXIII) e no Campus Vida(Pavillón Docente Novoa Santos) nos que se realiza a actividade docente e de xestión. Independentemente da actividade investigadora realizada polo seu profesorado e o alumnado de Máster e Terceiro Ciclo en distintos centros dispersos no Campus Vida e Campus Norte.
Ambos os dous edificios presentan necesidades de adecuación á oferta docente e á actividade investigadora do centro e adoecen de serios problemas de habitabilidade polo que se require dispoñer dun edificio integrado que garanta unhas condicións dignas de traballo e estudo ao seu alumnado, profesorado e PAS.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
16 18 5
Texto da emenda: En ningún caso afectará negativamente ás actividades de docencia, investigación e servizos na actualidade prestados.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
17 18
Texto da emenda: Engadir despois de “aforro enerxético de edificios”: Mellorar as condicións de seguridade e saúde de lugares de traballo, instalacións, equipamentos e procesos. Dedicarase unha partida específica á implantación de medidas de control dos riscos valorados como significativos nas avaliacións de riscos, que se considerarán de atención prioritaria.
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
18 18
Texto da emenda: Programar e xestionar as accións urbanísticas e patrimoniais necesarias para levar adiante un proxecto de edificio integrado de Facultade de Ciencias da Educación no Campus Vida Na actualidade a Facultade de Ciencias da Educación atópase dividida en dous espazos situados nos campus Norte e Vida da USC téndose xa realizado un proxecto arquitectónico no ano 2007 que unificaba as dúas sedes e os seus servizos no Campus Vida, e que hoxe non resulta posible financiar. En todo caso ambos os dous edificios actualmente existentes presentan necesidades de adecuación á oferta docente e á actividade investigadora do centro e adoecen de serios problemas de habitabilidade polo que se require a construción dun proxecto arquitectónico integrado que, responda as súas necesidades e garanta unhas condicións dignas de traballo e estudo ao seu alumnado, profesorado e PAS.
Programación: Análise das alternativas a partir do ano 2016
Nº PÁXINA APARTADO LIÑA
22 20 1
O texto da emenda aceptada o foi coa incorporación da motivación.
Texto da emenda: Engádese unha primeira acción: